Unhas 2.500 persoas teñen as súas vivendas en áreas con risco de sufrir unha inundación na bisbarra

Unhas 2.500 persoas da bisbarra de Pontevedra teñen a súa residencia nunha zona con alto risco de sufrir unha inundación, segundo os datos que botan os mapas de perigosidade e risco de inundacións das zonas costeiras e fluviais de Galicia que acaba de actualizar o organismo dependente da Xunta, Augas de Galicia.
O DOG do pasado 8 de setembro publicaba estes mapas que son o resultado da segunda fase do proceso aberto pola administración autonómica para planificar os riscos de anegamiento que existen na comunidade autónoma e dar así cumprimento a unha directiva da Unión Europea. Augas de Galicia finalizou en 2011 a primeira fase de desenvolvemento deste proxecto, no que se realizaba un estudo preliminar de riscos e no que se detectaron un total de 168 Áreas de Risco Potencial de Inundación Fluvial (Arpsis) nas concas fluviais de Galicia Costa, que dependen da Xunta. De todas elas, unha vintena están situadas na bisbarra de Pontevedra, así como dous mais (en Sanxenxo) de risco de inundación marítima. En total 22 zonas con probabilidades altas de sufrir unha inundación.
Esta segunda fase do proxecto, permite ir máis alá á administración autonómica á hora de planificar as súas actuacións en caso de inundación e mesmo á hora de previlas. O documento está agora a exposición pública para que poida consultalo calquera cidadán e mesmo realizar as súas achegas para posteriormente sometelo a aprobación definitiva. Estes mapas de risco implementar a información que recollía o estudo preliminar con datos exhaustivos sobre a tipoloxía das zonas de risco detectadas no informe preliminar. Así, os mapas permiten saber o número de habitantes que se poden ver afectados polas posibles enchentes, as actividade económicas e industriais que poden sufrir danos ou os espazos naturais protexidos e os monumentos que están nestas zonas inundables.
Segundo os datos provisionais destes mapas, na bisbarra, estes 2.495 cidadáns que viven en zonas de risco repártense entre un total de 9 dos 14 concellos da área de influencia de Pontevedra.

O máis afectado é Caldas. Na zona de risco detectada na zona urbana da cidade (pola confluencia das canles do Umia, Bermaña e Follente) calcúlase que residen unhas 900 persoas.
O segundo municipio con máis persoas en zonas con risco polas enchentes é a capital, Pontevedra, cun total de 803 habitantes. Alí detéctanse tres arpsis ou zonas de risco de anegamiento. A principal é a que se sitúa en torno á desembocadura do Lérez, dende Monte Porreiro á zona urbana, onde viven unhas 455 persoas; a segunda discorre a beiras do tramo urbano do río Dos gafos, con 313 persoas residindo nos arredores, e por último hai outros 35 habitantes nunha zona de perigo en San Caetano, Alba, polos desbordamentos do río Rons.
En Poio, aínda que non existe un gran curso fluvial que o atravese, conta con pequenos ríos e regueiros susceptibles de xerar inundacións e en concreto sinálanse un total de seis arpsis nas que viven un total de 145 persoas. Algunhas das zonas afectadas son o río Frieira, o Rego de Covelo, o de Esperón, o de Vilariño, ou Mouro ou A Cancela, entre outros. En Sanxenxo, as dúas zonas de risco detectadas concéntranse na zona urbana de Portonovo e no rego de Nanín nas que hai un total de 175 habitantes, a maioría (150) en Portonovo.
Entre Portas e Barro sitúase outras das áreas de perigo polas enchentes dos ríos Agra e o Rego de Maquieira con 30 persoas residindo na zona de risco.
O paso do río Verdugo pola zona urbana de ponte Caldelas é outro dos puntos de posible inundación cun total de 38 persoas residindo nas zonas máis expostas á enchente.
Outro dos núcleos urbanos nos que se detecta unha área de risco ou arpsi é na zona urbana de Marín como consecuencia do paso do río Lameiriña. Na zona afectada residen unhas 209 persoas, ás que hai que sumar 104 máis que residen noutra arpsi detectada na desembocadura do Loira. En Cuntis, o río Galo e o río Campo conforman outra zona de risco con 36 habitantes. Para finalizar, en Vilaboa hai dúas áreas de posibles inundacións no ámbito de Riomaior e noutro regueiro que desemboca na praia da Pousada e que poderían afectar a inmobles nos que residen un total de 55 persoas.
Dende hai unha semana, calquera cidadán pode consultar se a súa vivenda está nalgunha desta zona de risco na páxina web de Augas de Galicia.

augas-galicia

Deixar un comentario