Roubo en Barro. O empregado dun súper e o cliente dunha panadaría, vítimas dos cacos

En cuestión duns poucos minutos, os ladróns actuaron en senllos negocios baladassituados en San Antoniño, no municipio de Barro. Veciños deste municipio destacaron que os amigos do alleo só cambiaron de rúa á hora de consumar ambos os dous furtos, nos que non se empregou a violencia, xa que os establecementos onde actuaron están practicamente enfrontados.
Deste modo, o primeiro destes sucesos tivo lugar nun supermercado ao que accedeu un individuo moreno, que vestía camiseta verde e pantalón curto. Ao parecer, estivo a roldar algúns instantes polo ámbito da caixeira ata que esta tivo que atender a outros mesteres. Todo parece indicar que foi entón cando o caco actuou botando man dunha tablet propiedade dun dos empregados deste establecemento comercial.
Co botín no seu poder, o ladrón abandonou o supermercado e todo apunta, segundo deron a entender todas as fontes consultadas, a que cruzou a N-550 onde se reuniu cun segundo compañeiro. Ambos os dous, dirixíronse a unha panadaría próxima.
Segundo transcendeu onte, ambos os dous actuaron ao descoido e sorprenderon un cliente. Deste modo, nun momento dado, conseguiron botar man dun billete de cincuenta euros que portaba e, ao igual que acontecera no supermercado, saíron ao exterior do negocio onde, presumiblemente, se lles perdeu o rastro.
Veciños de Barro precisaron que as vítimas tiñan intención de interpoñer unha denuncia ante a Garda Civil, extremo que non puido ser confirmado. En todo caso, o furto na panadaría tería unha cualificación penal de falta, co que os autores se expoñen a penas mínimas, mentres que o castigo por subtraer a tablet dependerá, en boa medida, do seu valor económico, xa que a partir de 400 euros se considera delito.

Deixar un comentario