O colectivo de vendedores ambulantes que habitualmente celebran o mercadillo dominical na localidade de Barro quixo onte ter un xesto en recordo de Mónica Lorenzo, a última falecida pola violencia de xénero que se produciu nesta localidade, así como manifestar o seu apoio e solidariedade á súa familia. Fixérono instalando lazos violetas contra a violencia de xénero en todos os postos da feira. Ademais, moitos dos vendedores teñen vínculos con outra das falecidas como consecuencia da violencia machista este ano. Trátase de Lupe Giménez, asasinada presuntamente a mans do seu marido tras raptala da casa familiar de Vilaboa e apuñalala nun bosque próximo a Lavacolla en febreiro. “Naquel entón a solidariedade que demostrou toda a sociedade pontevedresa coa familia de Lupe e a comunidade xitana foi moi grande e agora nós queremos devolver aquel apoio con este pequeno xesto simbólico”, explicaba Sinaí Giménez, presidente da Sociedade Xitana de Galicia. A terceira vítima deste ano na provincia foi Sara Pereira tras ser asasinada supuestamente polo seu marido (que logo se suicidou) en Pazos de Borbén. A finais de decembro tamén faleceu Isabel Pérez Fraga, en Marín, supuestamente a mans do seu compañeiro sentimental.
