Umia, máis que unha comarca termal

diario-pontevedra1

Máis alá da poboación de Caldas, coñecida polas súas propiedades termais e históricas, a comarca do Umia goza de paisaxes e roteiros dignos de admirar e coñecer. As fervenzas, muíños ou vales son o punto forte dunha zona descoñecida para moitos.

O ENCANTO de Galicia non se atopa só nas formas e paisaxes que fai o océano e, para proba, a 1comarca do Umia. O río que lle dá nome encárgase, xunto cos seus afluentes, de vertebrar a comarca. Catoria é o único municipio que toca o Atlántico, pero a beleza rural afastada do mar pode superar a marítima. Para comprobalo, só é preciso un roteiro de Cuntis a Pontecesures pasando por Portas, Moraña e Valga.

Nun val afluente do Umia atópase Cuntis, que ten un prato forte que mostrar, os xacementos de Castroagudín. Os arredores do río foron asentamento de diferentes civilizacións, polo que o territorio está recuberto dunha serie de restos arqueolóxicos que inclúen gravados rupestres como a Laxe dos Homes en Cequeril, o Outeiro de Cartas en Cardecide ou o Forno da Tella en A Ran.

Castroagudín data aproximadamente do século II antes de Cristo e tiña capacidade para cen persoas. En comparación co resto de edificacións similares atopadas no país, o pobo fortificado é de tamaño medio e, segundo a historia local, tivo habitantes por pouco tempo xa que foi abandonado. Os visitantes poderán gozar de 18 edificacións, divididas en tres escavacións, que levan a imaxinación a épocas castrexas.

Ademais destas casas arcaicas, o río Galo ao seu paso pola vila cuntiense invita a longos paseos pola súa beira. Un roteiro que precisa rehabilitación debido ás sucesivas cicloxénese que azotaron a zona o pasado inverno, en concreto o tramo comprendido entre a ponte e as piscinas municipais.

MUÍÑOS

O roteiro pola comarca lévanos deseguido a Moraña, onde as carballeiras e miradoiros poñen en 2contacto coa natureza a veciños e visitantes. A parroquia de Santa Xusta conta cunha carballeira, onde se atopa a igrexa, que posúe máis de 450 carballos, un palco de música e dúas fontes nunha superficie de máis de 25.400 metros cuadrados.

No lugar de Saiáns atópanse a carballeira de Santa Lucía, onde se celebra a popular Festa do Carneiro ó Espeto, e o campo da Feira Vella. A carballeira de Campenlos e o campo de San Antón son algúns dos lugares que invitan a camiñar e pasar unha xornada diferente en plena natureza.

Moraña é un municipio privilexiado por contar con muíños entre as súas opcións de turismo.

En Rebón, no lugar de As Laxes, o río orixina saltos de auga que se aproveitaron para crear varios muíños. O acusado desnivel e as grandes rochas de granito da zona crean unha imaxe impoñente nun lugar espectacular. Ademais, no curso do río Cornide hai varias destas construcións nun contorno ateigado de especies autóctonas.

Por último, os miradoiros son o terceiro punto forte morañés. O do monte Acibal, en Amil, permite contemplar vistas da ría de Pontevedra e da de Arousa e ofrece, na zona do Pastizal, un prado con cercas de madeira e mesas de pedra que fan del o lugar ideal para comidas campestres.

Os montes Ardegán, Cerdeiras e Castelo contan tamén con esta opción de ocio na que poder gozar coa natureza e unha paisaxe inmellorable.

En Pontecesures atópase un miradoiro construído recentemente con barbacoas de pedra, bancos e mesas empregadas para pasar unha xornada diferente contemplando a unión dos ríos Ulla e Sar. O coñecido como ‘mirador do Galiñeiro’ toma o nome dunha figura que se atopa enriba dunha columna no centro do mencionado lugar.

BRIALLOS

No monte de Briallos, que separa Barro e Moraña, atópase a Pedra Bicuda. Non se trata dun punto3 moi recoñecido xa que non é doado chegar ata alí. O seu principal atractivo é que, nun día despexado, a imaxe é unha incrible panorámica marítima.

Como visita curiosa, a do piñeiro da Tomada de Magariños. Na aba do monte Agüeiro, que se estende entre Portas, Caldas, Moraña e Barro, atópase esta árbore, que recibe visitas e da que se toman fotografías a partes iguais.

No último século, o piñeiro que conseguía sobrevivir ás cortas e lumes e acadaba dimensións espectaculares convertíase no rei do monte. Actualmente atópase en Briallos, tra-la desaparición do ‘Pino abuelo’ en Arcos da Condesa, en Caldas.

Para rematar esta particular viaxe pola comarca do Umia, é indispensable adicarlle tempo a Valga e ás marabillas nas que a protagonista é sempre a auga.

O río que leva o mesmo nome que o municipio ten un afluente, o Ferreño, que discorre por un estreito val con varios rápidos e fervenzas. A principal é a da Ruxidoira, duns dez metros de caída, e que está acondicionada con pasarelas de madeira para poder gozar dela dende tódalas perspectivas.

As de Raxoi tamén son coñecidas e valoradas e xuntas crean un dos roteiros con máis beleza da comarca, onde se mesturan o verde da herba co canto da auga.

A forza do río deu lugar a dúas construcións de distinta tipoloxía que acompañan ás fervenzas. Unha delas en forma de canle e outra en forma de cubo foron recentemente restauradas, polo que a sensación na visita é a dunha volta ao pasado en harmonía coa natureza.

http://diariodepontevedra.galiciae.com/nova/354786-umia-comarca-termal

Deixar un comentario