Concentracións en diferentes partes do país lembrarán hoxe e mañá a Mónica Lorenzo, de 38 anos, asasinada pola súa parella esta segunda feira en Barro. No primeiro semestre de 2014 os xulgados emitiron 402 ordes de protección, 2 cada día.
No que vai de ano sete mulleres foron asasinadas en Galiza pola violencia machista. Mónica
Lorenzo López, esta segunda feira en Barro, foi tiroteada polo seu compañeiro na cociña, o sitio de onde quizás el pensaba que ela nunca tería que ter saído. Tiña 38 anos. É, polo de agora, a última muller asasinada en Galiza pola violencia de xénero. Van sete no que vai de ano: Luisa (Lugo), María Jose. María Luisa e Elena (A Mariña), Belén (A Coruña), Sara (Vigo). E Mónica. O seu asesino chamou por telefone á Garda Civil para lles dicir aos axentes que acababa de matar á súa compañeira e que ía suicidarse.
Segundo datos da Xunta no primeiro trimestre do ano presentáronse 1.205 denuncias por maos tratos, 13 ao día. Aliás, e nos primeiros seis meses deste exercicio 2014, os xulgados emitiron 402 ordes de protección e medidas cautelares, 2 cada día.
Así pois, en Galiza cada día que pasa preséntanse 13 denuncias por maos tratos e os xulgados cursan 2 ordes de protección. Cada mes asasínase unha muller. Datos dunha guerra na que as vítimas son sempre as mesmas.
En repulsa ao asasinato de Mónica convocáronse diversas concentracións en Galiza. Lugar e data:
Terza feira 26
Vigo, ás 20h no MARCO (Marcha Mundial das Mulleres)
Ferrolterra, ás 20h na Casa do Concello (Marcha Mundial das Mulleres)
Ourense, ás 20h diante da subdelegación do goberno (Marcha Mundial das Mulleres)
Lugo, ás 20.30h diante do Concello (Coletivos cidadáns)
Cuarta feira 27
A Coruña, ás 20h no Obelisco (Acción feminista da Coruña)
Compostela, ás 20.30h na Porta do Camiño. (Feministas de Compostela)
Pontevedra, hora e lugar por confirmar. (Coletivos cidadáns)

