Un home mata súa muller en Barro e, tras avisar á Garda Civil, afórcase

Traxedia en Barro cun novo caso de violencia machista. Un home, de 48 anos, mataba durante a noite á súa esposa, de 38 anos de idade, tras dispararlle dúas veces no seu domicilio da localidade de Portela do concello de Barro e, a continuación, suicidábase no cobertizo da vivenda.

Segundo informaron fontes que investigan o caso, a Garda Civil recibía a chamada ás 8.30 desta mañá do luns 25 na que un home, de nome Daniel, comunicaba que acababa de matar á súa muller e anunciaba que ía suicidarse. Cando a patrulla da Garda Civil chegaba ata a zona, atopouse o corpo da muller morta na cociña do domicilio nun charco de sangue, mentres que o home foi achado aforcado, ao colgarse dunha viga do cobertizo próximo á casa.

Axentes da Garda Civil investigan as causas nas que se produciu este dramático suceso. Non hai constancia, segundo a Subdelegación do Goberno, de que a vítima presentase denuncias previas.

Segundo os veciños, non había constancia de problemas previos entre a parella. El era traballador da construción e actualmente atopábase no paro. Mentres que ela chamábase Mónica, era natural de Marín e traballaba no servizo de autobús escolar. Eran pais de dúas nenas de pouca idade. A media mañá, presentouse o alcalde de Barro, José Antonio Landín, no lugar do suceso no que se atopan congregados numerosos veciños. Entre os presentes, ningún escoitou os disparos

De confirmarse o seu falecemento por violencia de xénero, sería a sexta vítima mortal que se produce en Galicia no que vai de ano e a número 37 en España. Na provincia de Pontevedra só rexistrouse un caso ata agora, en Pazos de Borbén.

Desde a Delegación do Goberno en Galicia condénase este feito e faise un chamamento a todas as mulleres que sofren malos tratos e aos seus familiares e coñecidos para que denuncien aos agresores. Recórdase que é necesaria a implicación de toda a sociedade contra toda violencia, especialmente aquela exercida contra as mulleres.

A Delegación do Goberno recorda a importancia de utilizar o teléfono 016, que é gratuito para denunciar estes casos e garante a confidencialidad da chamada xa que non queda rexistrada na factura telefónica.

http://pontevedraviva.com/xeral/14085/home-mata-muller-barro-garda-civil-violencia-machista/

garda civil

 

Deixar un comentario