O servizo de Teleasistencia presta apoio a 366 persoas que viven soas

diario-pontevedra1

Cando á soidade se lle suman os problemas de saúde e á idade avanzada, moitas veces resulta teleasistencia pontevedradifícil permanecer no fogar sentíndose seguro. Por iso, o servizo de Teleasistencia promovido pola Deputación facilita esta permanencia no domicilio, xa que garante as persoas que viven soas unha atención continuada e a seguridade de que, ante calquera eventualidade, recibirán os coidados que precisan.

Neste sentido, 366 persoas de municipios da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes contan na actualidade con este servizo, que financia a institución que preside Rafael Louzán en colaboración cos propios entes locais. Aínda que esta asistencia ten capacidade para atender a 700 usuarios, a día de hoxe son menos de 400 os homes e as mulleres que demandaron esta prestación, repartidos en 47 municipios da provincia.

Na maioría dos casos trátase de persoas de idade avanzada que viven soas ou que pasan a maior parte do día en soidade, polo que dispoñer dun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día os 365 días do ano, con só pulsar un botón, dálles seguridade e tranquilidade.

Todos eles saben que sempre terán alguén a quen acudir ante calquera emerxencia, pero non só iso, senón tamén cando se sintan sós e precisen alguén con quen falar.

Emerxencias. A loita contra a soidade é un elemento central deste programa, que non só inclúe o desprazamento de recursos (061 ou bombeiros) cando o usuario sofre algún accidente ou enfermidade, senón tamén visitas periódicas para paliar os sentimentos de ansiedade ou illamento e, dende este mesmo ano, unha actividade pioneira orientada a enriquecer a vida social das persoas atendidas.

No que respecta ás emerxencias, no que vai de ano foron atendidas 206, a maioría delas estiveron motivadas por caídas ou problemas de saúde que requiriron a mobilización de recursos sanitarios.

Así mesmo, e ademais das conversacións telefónicas que o persoal do servizo mantén a diario cos beneficiarios, realizáronse outras 286 visitas aos fogares para tratar de paliar sentimentos de soidade ou ansiedade.

Convivencias. Ademais, e como iniciativa pioneira, no mes de xuño a Deputación puxo en marcha un programa de convivencias que se está a realizar en distintos puntos da provincia e no que se ofrece aos usuarios a posibilidade de pasar unha tarde de ocio, con actividades diversas e merenda, co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar experiencias e romper a rutina.

Ata agora desenvolvéronse dúas xornadas, unha en Sanxenxo, para os usuarios do Grove, Sanxenxo, Ribadumia, Meis, Cambados, Barro, Portas e Vilanova, na que participaron 22 usuarios e 14 familiares ou acompañantes; e outra en Tui, con 26 usuarios do mesmo concello e outros do Roseira, Tomiño, Baiona, Nigrán e Gondomar, que acudiu acompañado por outras once persoas.

http://diariodepontevedra.galiciae.com/nova/353297-servicio-teleasistencia-presta-apoyo-366-personas-viven-solas

Deixar un comentario