O Concello leva máis dun ano pendente de executar dúas obras e dará conta á Fiscalía desta situación
Despois de case un ano remitindo diferentes escritos, correos electrónicos e chamadas telefónicas
ás empresas competentes, para levar a cabo a retirada dunha liña de baixa tensión situada na rúa Areal, na parroquia de Perdecanai, e non obter resposta, o Concello poñerá en marcha ao longo da próxima semana as obras necesarias para axeitar a rúa e renovar «o aspecto ‘chabolero‘ e terceiromundista» que presenta.
Así o indicou o alcalde do Concello de Barro, José Antonio Landín, destacando que «é unha desgracia e un abuso que o Concello de Barro leve máis dun ano pendente de executar dúas obras, unha na Rúa Areal e outra nos accesos á Fonte de Curro, dende a rotonda da PO-531, porque non hai xeito de falar con algún responsables da liña de baixa tensión».
O problema xorde a raíz de que, no caso concreto da Fonte de Curro, a Administración local non pode levar a cabo as obras de acondicionamento, xa que existe «un poste colocado por Telefónica, sen autorización municipal e sen respectar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, polo cal non hai forma de executar as obras, nin sequera de encontrar alguén desta empresa que sexa responsable de nada,» explicou Landín, que non dubidou á hora de afirmar que «o único departamento que funciona ben é o das ‘pelas’, é dicir, a facturación e o corte de subministración».
Neste sentido, o rexedor do municipio de Barro comentou que durante meses « se estivo chamando por teléfono, remitindo proxectos, pedindo por favor en escritos e máis escritos e obtendo como única resposta: ‘Eu non son o responsable’ ‘iso non é da miña competencia ‘, ‘iso pertence a outro departamento‘…». Tras estas respostas evasivas, o alcalde mesmo ironizou que unha delas doadamente podería ter sido dóeme a cabeza».
Por outra parte, en canto á mellora da rúa Areal, o Concello sinalou que é necesario enterrar unha liña aérea, posto que se trata dun núcleo urbano. O principal obxectivo é mellorar a imaxe do barrio.
Ao longo da próxima semana, o Concello de Barro procederá a executar a retirada da liña de baixa tensión e a remitir unha copia do expediente completo á Fiscalía, en caso de que os responsables non acheguen unha solución.
