A finais da última semana, os ladróns actuaron en Pontecesures. Nesta
ocasión -desafortunadamente o problema dos asaltos a negocios non é novo na vila- o escenario foi un negocio especializado en comida e aveños para animais domésticos. Segundo informan fontes oficiais, entre o material que foi roubado figuran desde raticidas ata penso para aves, así como toda clase de útiles para a cría e mantemento de mascotas.
O roubo foi peculiar polo botín que se levaron consigo os ladróns, pero non é o único destas características que se produciu nos últimos días. Nas mesmas datas nas que foi asaltado o negocio de Pontecesures, os cacos conseguiron entrar nunha granxa de pitos situada no municipio de Barro. Todo parece indicar que os amigos do alleo lograron un botín no que non faltaron nin ferramentas nin medicamentos para as aves, aínda que de momento se descoñece o valor do subtraído.
Pero estes non son os únicos roubos que se produciron nos últimos días. Un mozo de Vilaboa e outro de Vigo foron detidos por asaltar un piso en cuxo interior estaban os seus inquilinos, que se refuxiaron nun cuarto. E en Bueu, unha moza sufriu cortes nunha man cando intentaba espantar aos ladróns que se coaron na súa casa mentres ela e a súa familia durmían.
