A posta a disposición dos emprendedores pontevedreses dunha oficina no polígono industrial de Barro-Meis, onde poidan iniciar a súa traxectoria laboral, está cada vez máis preto. A xunta de goberno da Deputación aprobou onte o expediente de contratación deste inmoble público, que estará dotado cunha partida de algo máis de 1,6 millóns de euros.
Esta infraestrutura levarase cabo cun financiamento nun 80% a cargo dos fondos europeos Feder, mentres que o restante 20% o asumirá a institución provincial.
O programa enmárcase dentro do convenio que a Deputación alcanzou coa Fundación Incyde. Este acordo ten como obxectivo a posta en marcha de dous viveiros de empresas na provincia. Un é o situado no ámbito do parque de Barro-Meis, mentres que o segundo se executará no polígono empresarial de Lalín.
Apoio para os emprendedores
A situación de primeiro destes viveiros será nas parcelas A-10 e A-11 de Barro-Meis. Dende a Deputación resaltouse que este inmoble funcionará como estrutura de acollida temporal para emprazar empresas que empecen a dar os seus primeiros pasos no mercado.
Aos proxectos que resulten elixidos prestaráselles unha axuda vital mentres están nas etapas iniciais para dar a coñecer os seus produtos e servizos, garantindo a súa viabilidade e permitíndolles sobrevivir por si mesmos no futuro en oficinas ou naves da súa propiedade, en Barro-Meis ou noutra situación que poida permitirse.
A iniciativa do viveiro comprende a tutela, por parte da institución provincial e de Incyde, sobre os proxectos que se desenvolvan neste edificio. De feito, tanto a Deputación coma a fundación prestarán determinados servizos adaptados ás necesidades concretas de cada proxecto que reciba o visto e prace para integrarse neste viveiro.
Dinamización comarcal
A meta deste programa é conseguir que os emprendedores poidan desenvolver iniciativas empresariais de interese local, e que finalmente o seu éxito redunde na dinamización económica das bisbarras de Pontevedra e do Salnés.
Pola súa banda, existirá un proceso de selección dos proxectos que aspiren a un espazo neste edificio co fin de estudar a súa viabilidade e facilitar os primeiros pasos a aqueles que teñan máis posibilidades de éxito no mercado.
Así mesmo, as necesidades de cada empresa determinarán o espazo concreto no edificio que se lles asignará. As iniciativas elixidas poderán instalarse de forma gratuíta durante os dous primeiros anos da súa posta en marcha no mercado. Os emprendedores só terán que achegar os gasto xenerais do mantemento das instalacións.
O polígono de Barro-Meis está situado nunha zona estratéxica, entre as principais vías de comunicación terrestres da provincia e relativamente próximo aos portos estatais de Vilagarcía e Marín. É a grande aposta para dotar de chan as empresas do norte da provincia.
Os proxectos emprendedores dispoñerán dun espazo gratuíto durante dous anos
A Deputación destina 1,6 millóns de euros a sufragar o custo do inmoble

