A Audiencia de Pontevedra desestimou o recurso que a familia de Sonia Iglesias, de cuxa desaparición se cumprirán este agosto catro anos, polo que solicitaba a toma de declaración como testemuñas de «os funcionarios de policía encargados da investigación e a prospección mediante georradar ou radar de penetración terrestre (GPR) para a detección de restos humanos» no monte Castrove. Deste xeito, os maxistrados confirmaron o auto da xuíza de instrución que xa denegara estas mesmas probas.
Na resolución recórdase, entre outras cuestións, que «o dereito á proba, como vén manifestando o Tribunal Constitucional, non ten carácter ilimitado». Isto leva que os xuíces teñen potestade para non admitir aquelas solicitudes que consideren que non contribuirán ao esclarecemento dos feitos investigados: «O juzgador non ten a obrigación de admitir todos os medios propostos polas partes, senón que corresponde aos órganos da xurisdición ordinaria a facultade de resolver sobre a pertinencia da proba con liberdade de criterio».
Neste caso concreto, a Audiencia considera que «resulta significativo» o feito de que os apelantes non formulasen «apelación algunha que reforzase a súa postulación fronte ás razóns expostas pola xuíza para sustentar a súa denegación». Segundo transcendeu no seu día, a titular do xulgado que leva as causas de violencia sobre a muller rexeitou a comparecencia dos axentes, adscritos tanto á Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta de Madrid como á de Pontevedra, ao entender que o que poden achegar está recollido nos distintos informes achegados ao procedemento que se segue por un suposto delito de detención ilegal no que está imputado Julio Araújo, compañeiro sentimental da pontevedresa.
En canto ao emprego do georradar, considerouse que, en principio, non ía achegar nada á instrución xudicial. A isto súmase, segundo apuntaron distintas fontes próximas ao caso, o feito de que non se dispón dunha zona acoutada ou delimitada.
Cóntase, iso si, cun indicio: o 18 de agosto do 2010, día no que Sonia Iglesias desapareceu, un repetidor de telefonía situou nesta contorna dacabalo dos municipios de Poio, Meis, Meaño e Barro unha chamada supostamente realizada por Araújo, unhas dúas horas despois de que se confirmou que a pontevedresa non acudira ao seu posto de traballo.
A pesar de tombar ambas as peticións declarando de oficio as costas, os maxistrados pontevedreses aseguran «comprender (…) a angustia da familia» de Sonia.

