Nome: José Luis Abal. Ano e lugar de nacemento: 1948. Bora(Pontevedra). Foi noticia por: Foi presidente do comité de empresa de Tafisa durante o peche da fábrica de Pontevedra e o traslado a unha planta en Ponte Caldelas. Tamén foi voceiro do PSOE de Barro. Agora dedícase a: Xubilado dende o ano pasado, dedícase a viaxar e a coidar as súas viñas.
ESTÁ XUBILADO, pero mantén dentro a alma dun obreiro sindicalista. O anuncio do peche da planta de Tafisa en ponte Caldelas reavivou os recordos de José Luis Abal, antigo presidente do comité de empresa da fábrica e candidato socialista
—————————————————————————————-
Os donos os suecos sabían que ser un empresario non é facerse rico en dous días senón manter a empresa ao longo dos anos»
Candidato en Barro estiven en política pero non me gusta moito. Para ser político hai que ser un pouco rollista, por non dicir tramposo»
——————————————————————————————
CHEGA Á ENTREVISTA coa súa carpeta chea de documentación por
se acaso a charla vólvese moi técnica e hai que botar man dos datos debido ao peche anunciado en Tafisa. Non chega a sacar eses papeis, porque do que se trata aquí é de falar da súa vida, do pasado, do modelo laboral que tivo esa empresa, imposible de ver na actualidade. José Luis Abal, que hai máis dunha década, en pleno conflito polo traslado dende Pontevedra a Ponte Caldelas, dixo aquilo de que daría varios anos da miña vida por que todo se solucionase», emociónase ao recordarlle a frase, porque para el a fábrica, a xente que traballa nela á fin e ao cabo, é un anaco do seu corpo.
«A min aféctame moito porque eu case toda a miña vida laboral a vivín en Tafisa. Cun salario digno, a vida de xubilado é moi bonita. Podes facer as cousas que non fixeches cando traballabas. Todo ía moi ben ata que os compañeiros me comentaron que lles anunciaran o peche definitivo. Agora vólveme a preocupación porque esa fábrica é coma se fose algo de min. Pelexámonos moito».
A prioridade, agora mesmo, é precisamente esa: pelexar e conseguir que a empresa siga adiante. Díxenlles os meus compañeiros que o importante eran os postos de traballo. O diñeiro vaise pronto, pero o posto de traballo é moito máis. Estoume a involucrar porque este momento é moito máis difícil que o de entón. Naquel momento, coas leis laborais que había, podías che permitir o luxo de pelexarte coa empresa e gañar. Agora esnaquizaron as leis. Non é imposible, pero hai que pelexarse moito».
Abal entrou na fábrica en 1973. Recordado hoxe, aquel parece un mundo de ciencia ficción. «Gañabamos o triplo que na rúa, pero non era só iso. Tiñamos un club de obreiros que era o máximo. Había campo de fútbol, de tenis, de baloncesto, piscina… O capital era sueco e esa xente viña aquí coas súas ideas. Aplicárono en todo. Fixeron vivendas sociais… Algún pagaba 200 pesetas ao mes e ao final déronllelas en propiedade. Tafisa foi o máximo. O economato era incrible. Había unha cantidade de cousas que era completamente gratis e cuxa cantidade che daban en función do número de persoas que integraban a familia. Latas de sardiñas, bacallau, patacas, un queixo… E á parte, comprabas a prezo de custo no economato. Moita xente levábase o aceite para vendelo despois fóra. A enerxía eléctrica ou as persoas que traballaban no club eran pagadas pola empresa, así que non había beneficio de ningún tipo,».
Non se trataba só de vantaxes sociais. Tamén había unha repercusión da boa marcha da empresa nos salarios dos traballadores. «Ti tiñas un soldo establecido e a empresa calculaba a produción necesaria para manter o sistema e, ao mesmo tempo, facer un aforro para o fondo de reservas. Cando a produción e as vendas se superaban, automaticamente dábase unha paga extra, unha extra que se se mantiña ao ano seguinte quedaba para toda a vida. Chegamos a ter 18 pagas. Era xente que sabía ata onde chegar e que tamén sabía que ser un empresario non é facerse rico en dous días, senón manter a empresa ao longo dos anos. Dicían sempre que o seu potencial era a xente». Ese sistema implicaba unha corresponsabilidade dos traballadores: «A xente facía o que se lle mandaba aínda que tivese que traballar 14 horas diarias. Competiamos con calidade».
Os xefes suecos foron desaparecendo e a situación empezou a cambiar. O primeiro convenio colectivo, o de 1977, xa houbo que pelexalo. Non pagaban tanto e esixían o mesmo.
O peor, non obstante, aínda estaba por vir. Primeiro coa crise de principios dos 90. Tafisa foi vendida a uns bancos. «Vendeuse todo o vendible. Quedaron en España cinco ou seis fábricas. Aí entrou Sonae no conxunto de accionistas. Quedaron 64 empregados tras acordos e recolocacións e a principios da década do 2000 trasladámonos a Ponte Caldelas». Foi alí onde reiniciaron a súa actividade con forza, ata que a crise da construción os devolveu á realidade a base de ERE e finalmente chegou o anuncio de peche.
Polo camiño quedaron libres uns terreos privilexiados a beiras do Lérez que protagonizaron unha operación urbanística de altos voos. «Sonae conseguiu aquelas parcelas a un prezo de risa e logo sacáronlle un valor enorme».
EXPERIENCIA POLÍTICA. Ademais do seu sindicalismo, a José Luis Abal tamén o tirou a política. Foi candidato do PSOE en Barro nun par de ocasións. Ao igual que na súa implicación nas loitas sindicais, sentiu a obriga de presentarse, un acusado sentido da responsabilidade. «Estiven en política pero non me gusta moito. Para ser político hai que ser un pouco rollista, por non dicir tramposo. As veces que entrei foi por necesidades do partido e en canto puiden deixeino».
Como chegou un pontevedrés de Bora a vivir en Barro? Pois por amor. «Nunha das miñas vacacións coñecín a miña muller, que viña de Barro. Ao principio vivimos en Pontevedra. Os seus pais tiñan un bar que se chamaba Tres columnas, ao lado do Carabela. Os meus sogros deixaron o bar, fóronse a Barro e eu funme con eles».
Malia non se criar alí, Abal só ten boas palabras para o municipio. «Está nunha situación boa, preto de todas as partes, con comunicacións, e cun clima benigno. Barro tiña que ter despegado hai moito tempo, pero non despegou».
Agora, ademais de manter a cabeza ocupada co futuro de Tafisa,Abal ten tempo para as súas grandes paixóns. Encántame viaxar. Teño a sorte de que á miña muller tamén e que nos levamos ben. Tamén dispoño duns terreos en Barro. Encántame a viticultura. E gozo moito facendo viño», di cun sorriso que oculta os seus máis de 65 anos e reflicte a pillería dun neno grande, cun ollo posto en Tafisa e outro nunha vida que goza.

