O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente á mellora da seguranza viaria na PO-531 (Curro-Pontevedra).
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A estrada PO-531 soporta unha moi alta intensidade de transito, nun entorno densamente poboado, polo que supón unha gran perigosidade para toda a xente que circula por ela co seu vehículo, pero sobre todo para os peóns.
No ano 2009 quedou aprobado o proxecto de mellora da mesma, despois de chegar ao acordo cos representantes veciñais e forzas políticas, conseguindo que as actuacións a levar a cabo na mesma priorizasen a seguridade dos peóns e a humanización da estrada, dándolle un tratamento de travesía urbana ao seu paso pola parroquia de Curro.
Pero despois da chegada do PP a Xunta foron contínuas as dilaciós e as disculpas para non contratar as obras que xa tiñan unha partida económica reservada nos orzamentos da Xunta.
Co paso dos anos eses cartos foron destinados a outras obras e o proxecto de mellora da PO-531 meteuse nun caixón.
Recentemente tanto os representantes veciñais como o BNG de Barro reclamamos a inmediata execución dese proxecto, e que mentres non se levase se reparase, cando menos, totalmente o seu firme, xa que está nun estado lamentábel, o que aumenta a sua perigosidade.
Dende a Xunta confirmaron que van acometer a reparación do firme, pero que o proxecto de mellora integral da estrada vai seguir por moitos anos metido nun caixón.
Esa decisión política do goberno do PP significa manter a perigosidade da estrada, e se cabe aumentala aínda máis, pois coa mellora do firme a velocidade dos vehículos vai ser aínda maior.
E por eso que ademáis de proceder a mellora do firme, deben tomarse medidas para calmar o tráfico e o pintado de pasos de peóns para dotar de maior seguridade a todos os veciños e veciñas que teñen que cruzar esta estrada todos os días, tomando como referencia os pasos de peóns previstos no proxecto de mellora acordado no seu día.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
1. Instar á Xunta de Galiza a adoptar medidas de calmado do tráfico e pintado de pasos de peóns onde estaban previstos no proxecto de mellora da PO-531, mentres non se acometa a súa reforma integral.
Barro, 22 de maio de 2014
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes
