A crise comeuse os ingresos dos pontevedreses nun doce por cento. En cada casa de Pontevedra entran hoxe 268 euros menos ao mes que no ano 2007. Entón, de media, as familias da cidade e a súa área inmediata de influencia, isto é, os concellos limítrofes -Poio, Soutomaior, Barro, Marín, Vilaboa, Cotobade, Campo Lameiro e Ponte Caldelas-, xestionaban as súas economías a un ritmo de ingresos mensuais de 2.209 euros. Agora son 1.941.
Desde que arrincou a crise, xeralmente unha data convida no ano 2007, só no 2009 produciuse un incremento dos ingresos. A evolución vai como segue: 2.209 euros no 2007, 2.153 euros no 2008, 2.258 euros no 2009, 2.132 euros no 2010, 2.032 euros no 2011 e 1.941 euros no 2012, último ano de rexistros completos, de acordo cos datos do Instituto Galego de Estatística.
Os datos, levados esta semana ante o Consello Económico e Social de Pontevedra, deixan á comarca só por encima da área de Ourense. No resto das áreas urbanas galegas os ingresos mensuais dos seus fogares están por encima dos dos pontevedreses.
Pero na tendencia á baixa que deixan as frías estatísticas ocúltase tamén unha realidade que lastra as medias aritméticas. É a dos 1.110 fogares da cidade de Pontevedra nos que non entra nin un euro ao mes. Simplemente non hai ingreso algún nestas casas.
O Consello Económico e Social, nun encontro periódico que se convoca no Concello de Pontevedra para pulsar como analizan a situación os partidos políticos con representación no Concello de Pontevedra, Aempe, UGT, CC.??OO., CIG, Universidade, Cámara de Comercio, a Xunta e Federación de Vecinos Castelao, lidou con estas cifras e coas da Enquisa de Poboación Activa (EPA). Se no 2009 eran 1.669 os fogares nos que todos os seus membros estaban en paro, agora son 3.452. Os 1.110 nos que non hai ingresos son o último elo. Están integrados nese grupo nos que todos están en situación de desemprego, pero simplemente as prestacións acabáronse e o traballo non apareceu. E é que, segundo o último dato, só na cidade de Pontevedra hai 8.666 persoas sen traballo que queren traballar.
A situación considerouse o suficientemente grave como para que o Consello Económico e Social, creado no ano 2000 e ao que asistiron na súa última reunión todos os seus membros, salvo o representante da Xunta e o da Cámara de Comercio, adoptase como acordo a creación dun observatorio que defina a situación económica local desde o punto de vista do emprego e dos sectores produtivos. Porano en marcha inicialmente a Universidade de Vigo e as centrais sindicais.

