Haberá máis pontevedreses no 2023 que hoxe. A cidade parece estar a proba do declive poboacional que azouta Galicia. Mentres a comunidade encadea catro anos de caídas de poboación, cun saldo demográfico, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que resta ao censo galego cincuenta habitantes cada día, Pontevedra encadea subida tras subida desde hai quince anos. Agora hai nove mil pontevedreses máis e a progresión continuará.
De feito, a área urbana de Pontevedra que, de acordo esta vez coa medición do IGE (Instituto Galego de Estatística), incorpora á cidade e os municipios lindeiros, é a única de Galicia que sumará veciños de aquí ao 2023. Non será a progresión que prognosticaba o Plan Xeral que o Concello acabou aparcando nun caixón ao non lograr tramitalo. Son apenas mil habitantes máis que agora os que lle concede o IGE a toda a área urbana de Pontevedra, lonxe da previsión de vivendas que se facía en pleno bum da construción.
No 2006, coa crise xa axexando e cuns datos demográficos positivos que revelaban que desde 1998 lográrase sumar cinco mil veciños máis á cidade, ata superar por primeira vez os oitenta mil, o Plan Xeral que se debuxaba entón falaba dunha cidade para 120.000 persoas.
Setecentos novos habitantes ao ano
A ese ritmo inicial, duns setecentos novos habitantes ao ano -unha progresión que se moderou nos últimos anos ata rebaixar a media a seiscentos- a cidade tardaría máis de medio século en alcanzar os inquilinos para as vivendas que se proxectaban. Serían unhas vinte e cinco mil casas máis, catro millóns de metros cadrados edificables e, a medio prazo, aquel Plan Xeral aínda reservará unha franxa urbanizable para acoller a 200.000 habitantes.
Picou a burbulla e os cálculos acabaron tamén no caixón, como o documento que os recollía. Pontevedra demostra fol para crecer, pero non tanto. E o problema é que os municipios da contorna de Pontevedra tamén se abonaban ao crecemento continuo, cando os datos non o avalan.
Porque a provincia, como Galicia, perderá poboación, seguindo tamén as progresións ata o 2023. Serán trinta mil habitantes menos dentro de dez anos: de 946.686 a 915.312. Con todo, namentres, a cidade manterá a progresión ascendente nun contexto xeral adverso.
De feito, todas as outras áreas urbanas de Galicia, salvo a de Pontevedra , caerán en poboación. A que máis cederá será a de Ferrolterra, que segundo os datos do IGE derrubarase dos 196.000 aos 179.000 habitantes. A área urbana de Vigo tamén sufrirá a súa propia sangría: perderá once mil habitantes. E ata o 2023, a de Lugo deixarase nove mil veciños e a de Ourense, dúas mil. A de Pontevedra, que inclúe a Poio, Barro, Ponte Caldelas, Cotobade e Soutomaior, pasará de 121.740 a 122.114. Apenas medio milleiro máis, pero crecemento en pleno desastre demográfico.

