Unha e media da madrugada do domingo. EstradaPontevedra–Santiago, case no límite con Barro . Un condutor circula co seu vehículo na escuridade da noite, cando de súpeto observa un flash. ¿Cazado? O presunto infractor mira instintivamente polo retrovisor e non dá crédito: o «radar» ponse en pé e bota a andar. A «vítima» chama rapidamente ao 112 para dar conta dos feitos, e infórmanlle de que non é a primeira chamada que reciben e de que xa se puxeron os feitos en coñecemento da Policía.
Unha patrulla procedente de Pontevedra chega ao pouco intre ao lugar onde varios condutores afirman ter vivido a insólita experiencia, pero non achan a ninguén, segundo confirmaron fontes da Comisaría de Pontevedra. Pero ao parecer, tras peitear a zona si atoparon no lugar un disfrace abandonado, presuntamente o que utilizara o bromista.
Non é a primeira vez que suceden feitos deste tipo nas estradas españolas, e adoitan acabar colgados nalgunha páxina de vídeos en Internet.
Hai uns anos, La Voz de Galicia fíxose eco dun caso similar en Narón. Concretamente nunha estrada de Cedeira onde adoita haber bastantes controis da Garda Civil. Sucedeu en Entroido, e entón tampouco se chegou a descubrir quen estaba detrás de broma, pero foron numerosos os condutores que «picaron» co flash e déronse por multados.

