MOCIÓN referente á recuperación dun acceso peonil seguro na zona norte do recinto escolar

bng barroSr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referente á recuperación dun acceso peonil seguro na zona norte do recinto escolar.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O recinto do colexio público ten dúas entradas, e as dúas son un perigo para o acceso das nenas e nenos que asisten ao mesmo sen utilizar o transporte escolar. A entrada da parte de arriba do recinto é onde deixan aos nenos e nenas os autobuses, polo que de ser utilizada tamén por todos os que acceden andando ou en coches particulares a situación que se crearía nesa pista sería aínda moito máis perigosa do que xa é, sen un espazo de aparcamento adecuado nin para os buses.

O colexio conta con outro acceso perigoso, mediante unha escalinata na súa parte baixa.

Este acceso estivo prohibido para o alunado desde que se construíu o colexio.

A entrada pensada polo alunado sempre foi a través dunha cancela na cara norte do recinto, onde antigamente se situaba a casa do médico. Incomprensiblemente o goberno municipal do PP fai anos que a suprimíu, sen ter en conta que desa maneira obriga aos nenos e nenas a acceder por entradas moi perigosas.

Recentemente o alcalde ven de anunciar o adecentamento do contorno da zona norte do recinto escolar. Desde o BNG concordamos con este adecentamento, e solicitamos que se aproveite para recuperar a entrada que había nesa zona do recinto, tal como levan reclamando, dende hai anos, os pais e nais.

Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte

Recuperar o acceso peonil seguro no marco do anunciado arranxo da zona norte do recinto escolar.

Barro, 7 de abril de 2014

Xosé Manuel Fernández Abraldes

 

Deixar un comentario