Elena Colmeiro, o Concello de Barro e o festival Play-Doc, premios provinciais de Cultura

la voz

A escultora silledense Elena Colmeiro, o Concello de Barro, o festival Play-Doc de Tui e as bandas de música de Meaño e Lantaño recibirán os premios provinciais á Cultura que promove a Deputación de Pontevedra para recoñecer a aquelas persoas e entidades que cada ano contribúen a enriquecer o patrimonio cultural e artístico da provincia pontevedresa. Estes galardóns están dotados con 6.000 euros.

No caso da artista Elena Colmeiro, a Deputación premia a súa traxectoria profesional no mundo da creación, que lle levou a ser considerada unha das mellores ceramistas de España. As súas obras teñen presenza en numerosos museos e coleccións públicas e privadas de España, Europa e América. Precisamente, esta tarde, o Museo de Pontevedra abre unha retrospectiva sobre o seu traballo, con 47 obras expostas que arrincan en 1967 e chegan ata a actualidade.

Como mellor proxecto innovador, os premios distinguen á Asociación Cultural pola Creación Artística Enfoques pola posta en marcha do Festival Play-Doc, que este ano cumpre unha década como referente do mundo do documental cinematográfico. O Concello de Barro recibirá o premio á protección do patrimonio público pola recuperación e a posta en valor do espazo natural do parque do río Barosa. E o premio Diosiño recaerá ex aequo na Asociación Cultural Unión Musical de Meaño, polo labor musical que realiza desde 1830, o que lle converte nunha das máis antigas de Galicia e a Banda A Unión de Lantaño, polo seu labor de integración, difusión e desenvolvemento da música que leva a cabo desde 1870.

barosa

Deixar un comentario