Intenta tirarse dunha ponte ensanguentado e seminu e a Garda Civil impídeo

diario de arousa

Impactados quedáronse o luns os veciños de Tivo que viron pasar pola zona a un mozo seminu, berrando, co rosto ensanguentado e sen atender a razóns. O home, duns 30 anos de idade e complexión moi forte, pretendía tirarse dende un dos viadutos da Variante de Caldas, cousa que impediu a Garda Civil, que tivo que reducilo pola forza ante a imposibilidade de que atendese ás súas indicacións. Aconteceu sobre as 19:30 horas entre os lugares de Tivo eBarreiros, onde foron varias as persoas que se decataron da presenza deste individuo, que camiñaba desorientado, vociferaba e profería berros e se levaba as mans á cara, que tiña bañada en sangue xa que, ao parecer, se autolesionara. Ía seminu, sen ningunha peza que lle cubrise o torso, e ante a alerta xerada axentes da Policía Local de Caldas intentaron perseguilo por unha pista forestal. Sumóuselles despois unha patrulla da Garda Civil que intentou, de forma infrutuosa, facer entrar en razón ao home. Non facía caso a ningunha das súas indicacións e daba a impresión de sufrir algún tipo de problema mental. O seu estado de excitación era tal que o primeiro intento de reducilo pola forza tampouco tivo éxito.
O mozo dirixiuse cara a un dos viadutos da Variante Leste da estrada N-550, dende o que pretendía lanzarse ao baleiro. De feito, amarrouse con forza á varanda e chegou a botar unha das súas pernas por fóra, pero a intervención da Garda Civil impediu que caese. Os axentes agarrárono ata que lograron reducilo no chan e o esposaron, solicitando nese momento a presenza de efectivos sanitarios e unha patrulla de reforzo da Garda Civil de Vilagarcía. O individuo foi atendido nun primeiro momento no Centro de Saúde de Caldas e despois trasladado, con vixilancia policial, a Montecelo.
Algunhas fontes apuntan a que o mozo, que sería natural de Curropero residente en Caldas e traballador dunha factoría de colas da localidade termal, tería protagonizado este rocambolesco suceso afectado por problemas laborais.

http://www.diariodearousa.com/articulo/ulla-umia/caldas-reis-intenta-tirarse-puente-ensangrentado-y-semidesnudo-y-guardia-civil-impide/20140402025105064043.html?utm_source=hootsuite&utm_campaign=hootsuite

Deixar un comentario