O abaixo asinante, XoséManuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN contra o desmantelamento do 065 do Servizo Galego de Transporte Adaptado
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O Servizo Galego de Transporte Adaptado (065), que atende as persoas con discapacidade e dependentes, foi instaurado por iniciativa do BNG no goberno bipartito da Xunta de Galiza e constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español.
A partir do acceso do PP ao goberno da Xunta de Galiza, este servizo básico, bautizado como Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias.
Este feito, xustificado polo PP con base nunha pretendida racionalización e eficacia, tradúcese simplemente no desmantelamento do servizo do 065, para non atender o desprazamento regular de persoas dependentes nin para garantir a mobilidade das persoas con maiores dificultades. En cambio, non teñen reparo en crear para o Consorcio de Benestar un transporte propio para as persoas usuarias dos seus centros.
Isto é outro paso na eliminación dos programas e servizos de dependencia e benestar que sufrirán novamente as persoas máis débiles, neste caso as que teñen maiores dificultades para se trasladaren e poder recibir atención como consecuencia do seu estado.
Ademais, a decisión do goberno do PP vai provocar unha perda importante de postos de traballo. De feito, o novo concurso para contratar o servizo na comarca de Ferrolterra, en Verín, O Barco de Valdeorras, Vigo e Pontevedra, ficou deserto, o que provocou a súa suspensión a partir do 8 de marzo de 2014.
Por este motivo o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal á adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a:
- Paralizar o desmantelamento do Servizo do transporte adaptado do 065.
- Garantir o desprazamento regular das persoas dependentes e a mobilidade das persoas con maiores dificultades.
Barro, 18 de marzo de 2014
