A Fiscalía de Pontevedra investiga se a Xunta do bipartito taxou a expropiación
dunha canteira en Meis para a construción do nó de Curro por enriba do seu valor real. O prezo xusto fixado foi de 1,2 millóns de euros a pagar á empresa que explotaba esta canteira, Áridos de Curro S. L. (Aricur), propiedade de Juan Luis Abal Piñeiro.
A investigación sobre a canteira arrancou fai algo máis dun ano a raíz dunha denuncia anónima. Un informe pericial, incorporado ás dilixencias, taxou a canteira en algo máis de medio millón de euros, menos da metade do que pagou a Xunta sobre a base dos informes periciais encargados a unha empresa privada. Os trámites da expropiación iniciounos o goberno bipartito e o pagamento fíxose efectivo aos poucos meses de chegar ao Goberno o PP. A canteira era propiedade dun primo terceiro do presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Abal Piñeiro, en declaracións a este diario, explicou que o venres acudiu á Fiscalía pero se acolleu ao seu dereito a non declarar argumentando que descoñece por completo o contido da denuncia. Na súa opinión “a empresa aínda valía máis” do que lle pagaron. Asegura que a canteira “tiña actividade e traballaban unha ducia de persoas” e que recibiu a cantidade que se lle propuxo.
Os investigadores realizaron un seguimento dos movementos das empresas de Abal Piñeiro e aí apareceu o nome do concelleiro en Pazos de Borbén e deputado provincial Severino Reguera, que despois desa data se constituíu
como socio de Abal Piñeiro en “Desenvolvemento Global Atlántico S. L. “.
A fiscalía indaga se existen ou non sobreprecios nos alugueres que unha empresa de Severino Reguera, socio de Abal Piñeiro, aboa a Louzán polo arrendamento duns baixos propiedade deste en Vigo. A Fiscalía decidiu
dividir ambas as dúas investigacións en pezas separadas ao entender que non existía relación entre elas. Agora terá que decidir se as arquiva ou segue
adiante coas dilixencias.
