En só un trimestre, o comprendido entre xaneiro e marzo deste ano,
as mortes na estrada na rede viaria da comarca de Pontevedra xa igualan os números de todo o 2013. O pasado ano contabilizáronse tres falecidos ao volante, a cifra máis baixa desde que se realizan mostraxes estatísticas.
O último destes accidentes produciuse este venres no marco dunha colisión frontal entre dous turismos na variante de Caldas, un municipio no que, doutra banda, non se producían accidentes tan tráxicos desde febreiro do 2012. Dáse a circunstancia de que o falecemento dun coruñés asentado en Vigo foi o segundo que se produce neste 2014 na N-550 ao seu paso pola comarca pontevedresa, tendo en conta que o 17 de xaneiro tres vehículos chocaron en Cerponzóns e horas máis tarde, xa entrada a madrugada, falecía un dos feridos.
En canto ao ocorrido este venres, cobra forza a idea de que o impacto tivo a súa orixe nunha invasión do carril contrario que, supostamente, protagonizou o Citroën Xsara conducido polo falecido. En principio, a inspección ocular dos investigadores confirmou o bo estado do firme que, a pesar das recentes choivas, estaba limpo e apto para a circulación.
A estatística, doutra banda, reflexa que sempre que se contabilizaron tres ou máis mortes no primeiro trimestre dun ano, ese exercicio péchase superando a barreira da decena de falecidos sobre o asfalto. Así ocorreu no 2005, que concluíu con dezanove vítimas; no 2006, ano que se pechou con vinte e dous falecidos, dos que catro se produciron entre os meses de xaneiro e marzo; ou, xa máis recentemente, no 2010, no que a estrada se cobrou a vida de dezaseis persoas na comarca. En cambio, o primeiro trimestre do 2013 saldouse cunha única vítima moral.
