A Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos dá por feito que o mercadillo de Barro trasladarase a Mosteiro, no municipio de Meis.
Este colectivo denuncia que o Concello de Meis aínda carece de ordenanza municipal de venda ambulante e recorda que de facerse efectivo este traslado levaríase a cabo nunhas “condicións irregulares”.
Aismimo, estende as súas críticas á Consellería de Industria por “mostrarse incompetente para obrigar a que as súas normas sexan cumpridas”. Ao tempo, denuncian que enviaron un escrito ao conselleiro fai trece meses suscitándolles as súas demandas e aínda non recibiron resposta.
Neste solicitude feita pola Asociación Galega de Ambulante e Autónomos pedían á Xunta que reclamase a cada concello galego un informe de que os seus mercadillos aplicaban a ordenanza de venda ambulante; e que todos os postos cumpran coa obrigación de ter exposta ao público a correspondente autorización municipal.
O resultado desa información permitiría a esta asociación comezar unha campaña de denuncias contra os concellos que se recoñecesen incumplidores de ditas normativa.
O representante deste colectivo, Jesús Francisco Romeu, di sentirse indefenso por carecer dun documento tan importante para poder exercer “a lexítima defensa dos nosos dereitos”.

