A Lei do Aborto a debate co BNG en Barro

la gaceta de galicia

Estarán no encontro o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a xornalista e blogueira, Diana López, e a concelleira de Igualdade no Concello de Pontevedra, Carme Fouces. A charla informativa incidirá na perda de dereitos e liberdades en materia de planificación familiar, que trai a aprobación por parte do PP do anteproxecto de Lei do Aborto o pasado 20 de decembro. A aprobación da lei vulnera dereitos fundamentais das mulleres e criminaliza prácticas consolidadas no exercicio das liberdades sexual e reprodutiva que afectan tanto a mulleres coma homes.

A supresión do dereito a interromper o embarazo nas primeiras 14 semanas foi un dereito adquirido en 2010 que permite ás parellas efectuar unha planificación familiar acorde coa situación socioeconómica particular. O anteproxecto aprobado polo PP converterá en delito o aborto, agás nos supostos de violación ou “grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica da embarazada”. O proxecto tamén elimina o suposto que permite abortar en caso de malformación do feto e dificulta a interrupción do embarazo mesmo en aqueles casos en que aínda seguirá sendo legal o aborto. O BNG acusa ó PP de impoñer con este proxecto de lei “o programa ideolóxico dos grupos ultrarelixiosos e do propio PP, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios”. E convida aos veciños e veciñas de Barro a asistir o acto público para falar deste anteproxecto de Lei e do que supón unha importante perda de dereitos e liberdades na planificación familiar.

http://www.lagacetadegalicia.com/a-lei-do-aborto-a-debate-co-bng-en-barro/

BNG BARRO

Deixar un comentario