A fronte de alcaldes nacionalistas e socialistas da comarca de Pontevedra en favor da sanidade pública compareceu esta mañá no Concello para facer un chamamento á participación na manifestación de mañá. Unha mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra que partirá ás 20 horas desde A Ferrería e concluirá na praza de España. Unha protesta en defensa da sanidade pública e contra o novo mapa sanitario que desvía a 300.000 pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a Santiago para determinadas especialidades. Os rexedores apelaron ao decisivo papel que xoga a presión dos profesionais sanitarios e dos cidadáns para frear o que definiron como «afán desapiadado privatizador». Recorrendo a un coñecido anuncio, animaron aos seus veciños a saír á rúa a pesar da previsión de choiva intensa. «Se chove pois que chova», dixo o alcalde de Poio, Luciano Sobral (BNG). O seu homólogo de Bueu, Félix Juncal (BNG), afirmou que chegado o momento estudarase algún tipo de medida xudicial, como xa fixo o seu concello contra o Plan de Ordenación do Litoral (POL) da Xunta. No acto tamén estiveron presentes o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e o tenente de alcalde, Antón Louro (PSOE), o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey (PSOE), o portavoz municipal do PSOE en Barro, José Sanmartín, e a concelleira de Bueu Laura Ogando, ex do BNG e agora de Anova.
