Acto contra o recorte de dereitos e liberdades. Polo dereito ao aborto ! libre e gratuíto!

Sábado 15 ás 20:30 h. na Biblioteca pública de Barro

bng barroO PP aprobou o pasado 20 de decembro, o seu anteproxecto de Lei do Aborto, que representa un retroceso de décadas e que vulnera dereitos consolidados das mulleres no relativo á súa saúde sexual e reprodutiva.

A nova lei do PP pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos e do propio PP, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios. Interromper o embarazo nas primeiras 14 semanas foi un dereito adquirido en 2010 e agora vai ser un delito, agás en certos supostos (violación ou ‘grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica da embarazada’). Elimínase, desta maneira, o suposto de malformación do feto ao tempo que se poñen trabas para poder abortar mesmo dentro dos supostos que se recoñecen. As mulleres de 16 e 17 anos que quixeren abortar deberán requirir o permiso do pai e da nai, tal como era antes do ano 2010.

Estamos, pois, ante unha lexislación que obriga as mulleres a teren crianzas non desexadas ou a procuraren solucións fóra das fronteiras dun estado que pasa a situarse na cola nesta materia e a ser un referente na perda de liberdades e dereitos adquiridos. Lembremos que a lexislación de que gozamos na actualidade (que non responde con total garantía a aquilo que o BNG defende nesta materia) non obriga a ninguén a abortar, só parte do suposto de a maternidade ser unha opción e non unha obriga.

Para falarmos deste anteproxecto de Lei e do que significa de perda de dereitos e liberdades das mulleres, o BNG convida aos veciños e veciñas de Barro a asistir o acto público que terá lugar o vindeiro sábado, día 15 de febreiro, ás 20:30 h. na Biblioteca Pública de Barro, e que contará coa participación do Portavoz Municipal do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, da xornalista e blogueira, Diana López, e da concelleira de Igualdade no Concello de Pontevedra, Carme Fouces.

BNG BARRO

Deixar un comentario