A xunta propón que a caza menor comece o 5 de outubro, dúas semanas antes do habitual

diario-pontevedra

A Consellería de Medio Ambiente propuxo aos comités provinciais de caza adiantar o comezo da tempada de caza menor ao 5 de outubro no exercicio 2014-2015. A Administración mantén o 6 de xaneiro como data de peche, polo que a campaña cinexética duraría dúas semanas máis do habitual.

O Comité Provincial de Caza de Pontevedra rexeitou esta posibilidade na reunión que celebrou o pasado luns e a proposta que elevará ao Comité Galego de Caza (que aínda non fixou a data da súa próxima reunión) é manter a orde de vedas da tempada pasada, coa apertura da caza menor o domingo 19 de outubro e o peche o 6 de xaneiro. Segundo parece, Lugo e A Coruña tamén optarán por este calendario.
A proposta de datas da Xunta, que circulou nas últimas semanas polas redes sociais antes de ser presentada oficialmente aos comités, non é do agrado da maioría dos cazadores, que apostarían por adiantar o comezo da tempada de caza menor, pero tamén o peche.
O presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, comentou que estas decisións deben tomarse «despois de analizar e de ver o comportamento da especie antes desa data de inicio; hai que facelo con rigor».

O mandatario autonómico explicou que descoñece a proposta daXunta, xa que se fixo aos comités provinciais e non ao galego, polo que preferiu non se pronunciar ao respecto, pois hai que estudar que é o que propón exactamente, porque se se trata de dar marxe de calendario ás sociedades e que despois decidan elas pode ser interesante». SI AO ADIANTO. «Eu son partidario de abrila antes e pechala antes tamén, a mediados de decembro», comenta Francisco Couselo, presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra. E é que, segundo explica, os coellos en xaneiro xa están en período reprodutivo e non é raro que se cacen por erro femias preñadas.
Tampouco se mostra partidario de ampliar a campaña Manuel Martínez, presidente da Sociedade de Caza de Portas. «Non» ten «moito sentido, porque coellos hai poucos, ampliar a tempada paréceme unha aberración».
Martínez comentou que, na súa opinión, «o ideal sería empezar antes, algo que se está a pedir nos últimos anos, e pechar a principios de decembro, pero entón habería que facer unha tempada por especies, porque, por exemplo, a perdiz en setembro aínda ten pouca plumaxe. Eu dubido que o colectivo estea preparado para este reto. É un tema moi delicado».
O cazador da Lama Román Reguera tampouco considera positivo ampliar a tempada, pero cre que «hai zonas nas que ao mellor sería bo. A situación non é exactamente igual en todas as partes. Ao mellor esa opción debería ser unha decisión dos propios tecores».
Loito, presidente do tecor de Barro, considera que «acurtar a tempada é factible, pero ampliala non. Nós xa o fixemos algún ano, no que rematamos a mediados de decembro e despois fixemos batidas entre decembro e xaneiro,».
Adiantar o peche da campaña cinexética é unha medida que se tomou nalgúns tecores nos anos nos que a escaseza das poboacións era esaxerada. Este exercicio produciuse unha situación extrema enPontevedra con respecto ao coello, cuxas poboacións quedaron minguadas pola forte incidencia de enfermidades, pero non se chegou a pechar a veda anticipadamente.

can

Deixar un comentario