O Alcalde de Barro non comparte a Lei do Aborto que prepara o PP

bng barroO Alcalde de Barro non comparte a Lei do Aborto que prepara o PP e recoñece que a actual funciona ben

O PLENO DO CONCELLO DE BARRO APROBA DÚAS MOCIÓNS DO BNG PARA QUE NON SE LLE CORTE A LUZ ÁS PERSOAS SEN RECURSOS E CONTRA A LEI DO ABORTO

No Pleno do Concello de Barro celebrado onte foron aprobadas dúas iniciativas do BNG, unha por unanimidade e a outra coa abstención do PP.

A primeira dela facía referencia á necesidade de garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos. A parte resolutiva desta moción constaba de tres puntos:

  1. 1.     Solicitar da Xunta de Galiza a realización das modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, a adopción de medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.
  2. 2.     Demandar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014.
  3. 3.     Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

A segunda moción facía referencia á nova Lei do aborto que está a preparar o PP e que supón un grave retroceso de décadas nos dereitos das mulleres á súa saúde sexual e reprodutiva. Ese proxecto de Lei pretende unicamente aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres.

O moción presentada polo BNG e aprobada cos votos tamén do PSOE instaba, na súa parte resolutiva, á Xunta de Galiza a:

  1. Demandar do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) o mantemento e aplicación da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
  2. Pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
  3. Garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva. Para este fin, eliminaranse as referencias á Red Madre na información que facilite a Xunta de Galiza.
  4. Pór en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.

Neste punto o alcalde de Barro recoñeceu que non compartía a nova Lei que está a tramitar o goberno español e que a actual funciona perfectamente. A abstención do grupo popular debeuse, nas súas palabras, a que agarda que o proxecto de Lei se modifique na súa tramitación parlamentar.

Barro, 31 xaneiro de 2014

Xosé Manuel Fernández Abraldes

Deixar un comentario