BARRO. A Xunta de Goberno do Concello de Barro, reunida onte tras o Pleno ordinario, decidiu finalmente adxudicar a celebración da feira a unha das dúas empresas que concorreran ao concurso convocado polo Concello e que o pasado venres quedou anulado ao haber problemas coa documentación.
O alcalde, José Antonio Landín, explicou que, ao tratarse dun contrato de contía menor e cunha duración inferior a cinco anos podíase adxudicar por outras vías distintas do concurso, como a decisión de Xunta de Goberno e incluso o Decreto da Alcaldía.
Finalmente, a empresa elixida foi unha das dúas que concorreron ao concurso: Asociación Galega de Comerciantes, que ofreceu 7.000 euros por cada un dos dous anos que se adxudican.
O alcalde destacou que o pago será trimestral e adiantado e que o proceso cumpre coa legalidade. O rexedor descartara minutos antes, no Pleno, volver apoiar unha moción do PSOE na que se apostaba de novo pola xestión municipal da feira.
En canto á empresa elixida pola Xunta de Goberno, Landín explicou que a outra firma que concorrera ao concurso renunciou por escrito esta semana, co que, en realidade, só había unha candidatura.
A celebración do Pleno, minutos antes da Xunta de Goberno, saldouse tamén sen debate, salvo en pequenas cuestións.
O principal asunto da orde do día, as alegacións ao proxecto da AVE, contaron cos votos a favor de toda a Corporación. A alegación municipal recolle a satisfacción polos cambios que xa se rexistraron no proxecto, pois a anterior versión era moi agresiva. O BNG afirma que os cambios foron froito da «loita veciñal». A alegación actual céntrase na protección dos mananciais e traídas de augas.

