Despois de seis anos de celebración do mercadiño de maneira irregular pola falta de pago por parte da empresa concesionaria vimos de asisitir no día de onte a outro episodio máis do esperpento no que se converteu todo o proceso de adxudicación. Xa cando se adxudicou inicialmente, o BNG advertíu da falta de seriedade das persoas que o ían xestionar, pois todos sabiamos dos problemas que xa tiveran noutros concellos. Despois de seis anos sen pagar o canon obrigatorio ao concello co consentimento do goberno municipal o alcalde tomou a decisión de rescindir o contrato, non porque non pagaran, senón porque as irregulariedades do mercadiño fixerono ter que declarar na fiscalía en varias ocasións ante diversas denuncias. O seguinte episodio disparatado de todo isto vivímolo no mes de setembro, cando vimos nos medios de comunicación o intercambio de opinións entre o alcalde e a organización do mercadiño, que a pesar das reiteradas advertencias de que non se montaría máis o mercadiño por serlle retirada a concesión, desoíndo a orde do alcalde, o mercadiño montouse igualmente.
O último episodio, vivido onte, afonda máis no esperpento de todo o proceso. Foron presentadas dúas propostas ao concurso público de explotación do mercadiño. Aínda que formalmente se pretenderon vender como propostas independentes, para o BNG xa resultou sospeitoso que foran presentadas conxuntamente. Esas sospeitas confirmáronse cando ao abrir os sobres da documentación se confirmou que documentos que faltaban nunha proposta estaban no sobre da outra. De todas maneiras, ademais de estar documentación misturada, a documentación era incorrecta, polo que o concurso ficou deserto.
Polo tanto, desde o BNG exixímoslle ao alcalde que actúe en consecuencia e cumpra escrupulosamente coa legalidade e actúe con total transparencia polo ben dos veciños de Barro.
