Un tremor con centro en Campo Lameiro alerta á provincia

diario-pontevedra1

Un tremor con epicentro na Lagoa (municipio de Campo Lameiro) provocoutremor esta tarde máis dun susto na zona e noutros municipios da provincia pontevedresa.

Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, o movemento sísmico rexistrouse ás 19.57 horas entre a latitude 42.5144 e a lonxitude -8.5335 e alcanzou unha magnitude de 3,2 na escala Richter. O tremor tivo a súa orixe a 24 quilómetros de profundidade, pero se deixou sentir de forma bastante clara nas Lagoas e incluso máis lonxe.

Tal e como explicou Mercedes, veciña do municipio de Campo Lameiro, «nós estabamos na casa mirando a televisión e notamos como uns golpes. Levamos un bo susto e, de feito, a nena pequena incluso se botou a chorar. Foi tan brusco que pensamos que un coche batera contra a casa, pero saín a mirar e non vin nada. Chamei por teléfono a algúns familiares que viven aquí preto e algúns dixéronme que tamén sentiran ou tremor, pero outros non».

O certo é que o movemento sísmico non só se notou en Campo Lameiro, senón tamén noutros concellos da comarca.

De feito, en Pontevedra a Policía Local recibiu varias chamadas de cidadáns que notaron o pequeno terremoto e numerosas persoas puxéronse en contacto co servizo de urxencias 112.

Marín, Ponte Caldelas e Moraña, entre outros, foron algúns dos concellos nos que tamén tivo repercusión o pequeno terremoto, que se converteu en tema de conversación para moitos veciños a través das redes sociais.

Outros tremores

Aínda que, ao peche desta edición, o tremor das Lagoas foi o de maior intensidade que se rexistrou hoxe, durante a xornada houbo varios sismos máis débiles noutros puntos de Galicia.

Así, o Instituto Xeográfico Nacional rexistrou un de 2,4 na escala Richter con epicentro no Atántico galego ás 9.58 horas, e outros tres en Porto do Son (provincia da Coruña) de 1,6 graos cada un ás 14.14 horas, catro minutos máis tarde e ás 15.03 horas, respectivamente.

http://diariodepontevedra.galiciae.com/nova/296278-temblor-centro-campo-lameiro-alerta-provincia?lang=gl

Deixar un comentario