Tras unha ardua negociación ao longo de boa parte da mañá de onte, tres acusados, vinculados coa empresa CYM Lérez, recoñeceron
ter defraudado a Facenda. Inicialmente, o fiscal cifrou en 793.000 euros o diñeiro que a Axencia Tributaria deixou de percibir nos impostos de sociedades e do IVE.
Agora, os procesados, ademais de asumir unha condena de tres meses de prisión por catro delitos fiscais e o pagamento de cuantiosas multas, accederon a reintegrar o montante defraudado mediante leiras rústicas e pisos. En principio, non transcendeu se coa totalidade destas propiedades cubrirase a débeda global ou se se terán que liquidar outros bens ou diñeiro en efectivo ata satisfacer a totalidade do diñeiro.
En calquera caso, as fontes consultados apuntaron que estas propiedades inmobiliarias se sitúan en, entre outras poboacións da comarca, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo.
No banco dos acusados sentouse un cuarto imputado, ao que sinalaron como colaborador do contable da empresa de Barro á hora de desviar fondos da empresa no seu propio beneficio. Antes do comezo da vista oral, que se desenvolveu a porta pechada, o fiscal estimou que Francisco Javier C.B., coa axuda de Ángel Manuel F.S., fixéronse con algo máis de 875.000 euros en apenas cinco anos. Foron condenados, respectivamente, a dez e tres meses de cárcere.
Francisco Javier está considerado polo ministerio público como a persoa con coñecementos para dar visos de realidade ás alteracións das contas da empresa. O fiscal ten claro que o administrador da firma, Joaquín P.S., e o seu pai, Fernando Manuel P.P., á súa vez, coñecían a existencia das operacións supostamente fraudulentas.
