O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN contra o canon de SOGAMA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
- A Lei 10/1997, de 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos da Galiza, e o Plano de xestión dos residuos sólidos urbanos da Galiza atribúen a condición de xestor nas operacións do proceso de xestión de residuos á Sociedade Galega de Medio Ambiente S.A. (SOGAMA).
- A xestión do tratamento de residuos encomendada a SOGAMA foi acompañada do estabelecemento dun canon por parte dos concellos, fixado en 55,91 euros por tonelada de lixo tratada e mais o IVE.
- Agora, o goberno do PP introduce nos orzamentos da Xunta de Galiza a revisión do canon para acadar os 74,64 euros por tonelada tratada, sen IVE, o que vai supor un incremento de preto do 34% para os máis de 290 concellos adheridos. A razón esgrimida é allea á relación entre os concellos e SOGAMA, ao ser unha decisión política adoptada polo Goberno central do PP na súa política de reforma do sector eléctrico, que impón recortes nas tarifas para percibir pola coxeración eléctrica. Ante a caída de ingresos que sufrirá SOGAMA pola xeración de enerxía, óptase por cargarlle á cidadanía novamente este recorte en lugar de o facer sobre os beneficios das empresas xeradoras de enerxía.
- Esta medida unilateral do PP, sen coñecemento nin participación dos concellos adheridos no proceso de toma de decisión, pretende un incremento desproporcionado e abusivo que se repite, como noutros ámbitos por parte do Goberno do PP, pola adopción de medidas dirixidas a salvar ás grandes empresas corporativas transnacionais, e neste caso pola decisión cuestionábel da reforma eléctrica que favorece o oligopolio das grandes empresas enerxéticas, e penaliza as fontes de xeración alternativas.
- Ademais, non só se pretende con esta suba compensar as perdas presentes e previsíbeis que ten SOGAMA, senón pasar a ter uns beneficios de preto de 7 millóns de euros a conta da cidadanía galega que verá repercutido este canon nos recibos que cobran polo servizo de recollida de lixo aos concellos. Este feito é especialmente grave cando SOGAMA nin sequera trata todo o lixo que recibe e carece de sentido transportalo para rematar nun vertedoiro.
- Esta proposta de incremento desmesurado dos custos de tratamento do lixo por parte de SOGAMA vén a confirmar as denuncias feitas con anterioridade polo BNG sobre o fracaso do proxecto SOGAMA e o Plano de Residuos Sólidos Urbanos implantado polo PP na Xunta de Galiza. Os feitos acontecidos desde a aplicación dese plano demostran seren falsas as afirmacións -do Goberno galego e de SOGAMA- de que se trataba da opción máis respectuosa desde o punto de vista ambiental e con máis vantaxes económicas. Desde o punto de vista ambiental, SOGAMA insiste na incineración dos residuos sólidos urbanos co fin da súa valorización enerxética, sen ter en conta outros principios reitores no tratamento do lixo de maior importancia ecolóxica, como a redución, a reutilización directa e a reciclaxe de residuos, a compostaxe, e a proximidade no tratamento, cuxa consideración prioritaria no deseño dun modelo de xestión do lixo, ademais de supor un modelo de xestión máis sustentábel ambientalmente, traduciríase nunha contención de custos.
- Ademais, os problemas detectados de acumulación de residuos e vertidos no complexo de SOGAMA demostran que nin sequera unha porcentaxe significativa dos residuos se valorizan ou se reciclan, senón que simplemente se enterran.
- Por outra banda, desde a aprobación da Lei 10/1997, os sucesivos Gobernos do PP na Xunta tiveron empeño en impedir a existencia de plans alternativos como o iniciado no Morrazo, que foi desmontado por gobernos municipais do PP ou como o que se está a desenvolver pola Mancomunidade da Barbanza, que se executa a pesar do PP, que puxo trabas, sobre todo no que atinxe a acceder a axudas nas condicións cando menos análogas ás que tivo SOGAMA. En todo caso, son modelos que priorizan a reciclaxe e compostaxe e mostran custos máis sensatos, para alén de crear máis emprego directo. De feito, a transformación de modelo de xestión dos RSU podería supoñer uns 2.000 novos postos de traballo con base en proxectos de comarcalización, cun menor custo ambiental e redución do custo de transporte.
- Cómpre lembrar a falta de colaboración dos gobernos do PP na Xunta de Galiza, pola decisión política de asignar, case na súa totalidade, os recursos públicos para o tratamento de residuos sólidos a financiar SOGAMA e afogar os modelos de xestión diferentes que se aparten da valorización enerxética do lixo. Mesmo planos estatais recolleron os criterios de proximidade no tratamento e que a fracción orgánica do lixo se tratase prioritariamente por procedementos distintos á incineración.
- A Xunta de Galiza, a través de SOGAMA ou doutras entidades que se crearen, preferentemente de tipo comarcal, debe ofrecer á cidadanía e aos concellos galegos modelos de xestión dos residuos alternativos á incineración e ao vertido. Só dentro dun modelo así poden facer unha política de prezos que favoreza os tratamentos ecolóxicos (recollida selectiva de calidade, reciclaxe, compostaxe) e penalice a recollida sen separar e o vertido e a incineración. Nun escenario deste tipo podemos reducir fortemente os custos de tratamento e evitar o incremento das taxas. Mentres tanto, aumentar os pagos a SOGAMA é financiar a ineficiencia ambiental e a destrución de recursos e empregos.
Por todo isto, solicitamos do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a:
- Retirar dos orzamentos do próximo ano o incremento previsto do canon de SOGAMA que deben satisfacer os concellos.
- Que calquera modificación que se pretenda pase obrigatoriamente por un consenso coa FEGAMP e cos concellos implicados, coa participación de SOGAMA e da Consellaría con atribucións en medio ambiente.
- Revisar en profundidade oPlan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos e apoiando un modelo que supere Sogama, mediante proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos e recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados.
Barro a 13 de novembro de 2013
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes
