MOCIÓN contra a impunidade da marea negra do “Prestige”

Sr. Alcalde:bng barro

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN contra a impunidade da marea negra do “Prestige” e a prol da transferencia de competencias marítimas á Xunta de Galiza

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A primeira concesión de ENCE é do ano 1959.

ENCE foi condenada pola Sección 4º da AP de Pontevedra – sentenza de 5 de novembro de 2009 – por delito ecolóxico continuado.

Desde finais dos anos sesenta, ELNOSA ocupaba unha importante superficie na marxe esquerda da ría de Pontevedra, entre os municipios de Pontevedra e Marín. Por Orde Ministerial do 15 de decembro de 1971, outorgábaselle a concesión de ocupación dunha parcela de 12,587 metros cadrados ; esa é a parcela resultante da concesión.

Na pasada lexislatura, houbo unha transacción acordada por unanimidade no Parlamento de Galiza, coa fin de retomar as conversas coa empresa para:

  • Atopar unha nova situación respectuosa co medio ambiente, fóra da ría de Pontevedra antes do ano 2018
  • Incentivar novos proxectos empresariais que permitan pechar o ciclo produtivo do papel en Galiza mais fóra da ría de Pontevedra.
  • Impedir calquera tipo de instalación de carácter complementario vinculado ao complexo ENCE, co obxecto de impedir a súa consolidación.
  • Modificar, no Plan de Ordenación do Litoral, a área na que está incluído o complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán, integrando este complexo na área de protección costeira que lle corresponde.

As directrices de ordenación do territorio que se aproban definitivamente por decreto 19/2011 do 10 de febreiro (DOG 22 de febreiro) e o plan territorial integrado denominado plan de ordenación do litoral (POL) aprobado definitivamente polo decreto 20/2011 do 10 de febreiro (DOG 23 de febreiro) inciden na nosa opinión, non do xeito correcto, no proxecto sectorial aprobado pola Xunta (caducado e declarado ilegal por varias sentenzas) para o asentamento industrial en Lourizán (ENCE) e no propio complexo industrial contaminante (condenado por delito ecolóxico) de ENCE-ELNOSA.

Malia petición expresa do Concello de Pontevedra e das sentenzas que declaran que non é conforme a dereito o acordo aprobatorio do proxecto sectorial de ENCE, a CMATI segue a esixir do Concello de Pontevedra que recolla no seu novo PXOM as determinacións do proxecto sectorial aprobado no seu día pola Xunta, e aínda por riba –como patente demostración de nula intención do PP por resituar o complexo referido e devolver os terreos usurpados á ría– a nova modificación aprobada polo Parlamento do Estado da Lei de Costas (Lei 2/2013), racha coa previsión do horizonte temporal do 2018, para permitir ou habilitar unha privatización encuberta de dominio público de todos e todas as galegas 75 anos máis, en beneficio dunha entidade privada e contaminante e que está a impedir o crecemento económico e social da comarca de Pontevedra.

De facto, vai posibilitar que a empresa estea 135 anos na ría, isto supera con creces a idade máxima dun ser humano, o que supón unha grande fraude ao carácter demanial “constitucionalmente imprescritíbel” do espazo que ocupa o complexo industrial.

A Consellaría de Medio Ambiente ten na súa man a potestade para renovar ou non a autorización ambiental integrada (AAI) preceptiva para o mantemento da actividade industrial das dúas factorías: A de ENCE estará vixente até decembro 2015; a de ELNOSA até o día 6 de xaneiro de 2014.

A CMATI vén de asinar recentemente un protocolo con ELNOSA que suporá prórroga da súa AAI até o 2017, poñendo de manifesto con este acordo o PP a súa intención de seguir traballando pola consolidación en Lourizán do complexo industrial en beneficio de dúas empresas privadas.

Polo exposto solicitamos do Pleno Municipal o seguinte ACORDO,

  1. O Pleno do Concello de Barro manifesta a súa oposición a calquera posíbel prórroga á presenza de ENCE-ELNOSA na ría de Pontevedra máis alá do 2018, ano no que chega ao seu remate a concesión outorgada a ambas empresas en terreos de dominio público, e a necesidade irrenunciábel do abandono desta ubicación con anterioridade a esta data tope.
  2. O Pleno do Concello de Barro manifesta a súa oposición a calquera posíbel renovación das AAI´ s , preceptivas para o mantemento da actividade industrial do complexo industrial así como a recente prórroga a ELNOSA até 2017.
  3. O Pleno do Concello de Barro insta á Xunta de Galiza a declarar a expresa caducidade do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do asentamento industrial de ENCE en Lourizán conforme a sentenza que declaran que non é conforme a dereito.
  4. O Pleno do Concello de Barro insta á Xunta de Galiza, a que, no exercicio das súas competencias en ordenación do territorio en atención ao interese público e a utilidade social, proceda de xeito inmediato a redacción, tramitación e aprobación dunha modificación da Disposición Adicional terceira do POL, co obxectivo irrenunciábel de abordar conxuntamente as accións de rexeneración restauración e reordenación do ámbito de recualificación para os terreos actualmente ocupados polo complexo industrial, que a modificación da lei de costas tenta cercenar. (PROPOSTA DE MODIFICACIÓN NO ANEXO)
  5. Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza ao Parlamento de Galiza e a Plataforma 2018.

Barro, 15 de novembro de 2013.

Xosé Manuel Fernández Abraldes

Deixar un comentario