Apenas o 7% do orzamento está adicado a investimentos
A nefasta xestión económica do PP ao longo de moitos anos lévanos unha vez máis a uns orzamentos sen investimentos, e no que a grande cantidade de impostos e taxas que temos que pagar os veciños e veciñas de Barro van na súa totalidade a tapar os buratos económicos provocados nestes anos, e aos gastos correntes do concello.
O orzamento para o 2014 ascende a 1.857.700 euros, dos cales só se adican a investimento uns míseros 132.000. E estes non teñen a garantía de que se efectivicen.
As débedas acumuladas ao longo dos anos xa obrigaron ao concello a pedir un crédito en maio do 2012 por valor 1.162.908 euros para poder facerlle fronte. Son débedas que hipotecan o noso futuro, e por moitos impostos que paguemos os veciños de Barro non vemos mellorados os servizos.
Por estes motivos o BNG rexeita un orzamento que non sirve para mellorar as nosas condicións de vida, e vai facer que moitos dos nosos veciños que están a pasar por moi mala situación económica o pasen aínda peor por uns impostos a todas luces abusivos.
Pero os pufos económicos do concello seguen sen afrontarse na súa totalidade. Mentres o pago aos bancos está garantido, débeselle miles de euros a entidades do noso concello, o que está a poñer en risco o seu funcionamento. Por outra banda no orzamento tampouco aparece ningunha partida para pagar os máis de 100.000 euros que se lle deben a veciños e veciñas de Barro, en concepto de expropiacións dos seus terreos para distintas obras municipais. A lei obriga a pagar nun prazo de seis meses as expropiacións, pero estes veciños levan moitos anos esperando a que o goberno municipal lles pague o que e seu. Non deixan de ser uns estafados máis polas políticas do PP.
O concello de Barro sempre foi dos primeiros en aprobar os orzamentos. Pero uns orzamentos non sirven para nada, se non son útiles para mellorar a vida das veciñas e veciños. E neste caso non só non a melloran, senón que a precarizan aínda máis coa forte carga impositiva que padecemos.
Barro, 31 de outubro de 2013
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes