Os incendios puxeron en xaque aos servizos de urxencia e extinción en Portas ao
localizarse, separados por tan só hora e media, tres focos que estaban arrasando superficie forestal nas zonas de Outeiro, Santiña e Lantaño. A rápida intervención do dispositivo despregado evitou que o lume fose a maiores e de feito a media tarde estaba xa completamente controlado.
A existencia de chamas foi advertida por Protección Civil de Portas nun dos seus percorridos rutineiros polos montes do municipio. Fontes do corpo de voluntarios deixaron claro que a orixe dos tres casos sería provocado. “Esta vez foi con moi malo leite, para facer un gran dano”, indicaba un dos seus integrantes, detallando que cada un deses lumes foi aparecendo “espaciados por media hora”. Así, desde que se deu co primeiro deles ata que se tivo constancia do terceiro pasou pouco máis dunha hora.
Na extinción participaron, ademais, medios da Xunta de Galicia, así como brigadas e un axente forestal, empregando medios como motobombas para evitar o avance das chamas. Antes de que se fixese de noite as chamas foran completamente sufocadas e o terreo fora refrescado para evitar riscos de que se reavivase.
Comarca afectada
Estes lumes chegan apenas uns días logo dos incendios que alarmaron boa parte da comarca. E é que fai xusto unha semana os servizos de extinción tiveron que facer fronte a media decena de incendios que se sucederon en Cuntis, Caldas, Moraña e Barro.
De todos eles o máis significativo, en canto a extensión de terreo calcinada, produciuse no primeiro deses municipios. Case unha treintena de hectáreas resultaron arrasadas no lume forestal que se produciu na parroquia de Piñeiro.
