O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referida ao uso e ampliación das instalacións deportivas
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A carencia de instalacións deportivas no noso concello é de sobra coñecida e por iso que as poucas que temos deben estar perfectamente equipadas para a súa utilización e ao mesmo tempo hai que darlle o maior uso posíbel.
En Barro xa tivemos un pavillón de deportes que se pudriu por falta de uso tendo que construírse un novo, que debe ter unha utilización intensiva e a disposición de todas as persoas do concello que queiran practicar deporte nel.
Temos tamén unha pista de tenis recente pero que ten algunhas carencias. Unha delas é un enganche eléctrico en precario e non se permite aos usuarios e usuarias o encendido do alumeado da pista para poder utilizala mais horas, sobre todo no inverno cando disminúe o número de horas de iluminación solar. Tamén carece de vestiarios e servizos no seu entorno o que causa un importante trastorno.
Pola importante afición que existe do deporte do tenis en Barro a pista ten moito uso, chegando a celebrarse importantes competicións organizadas polo clube de tenis (mesmo un trofeo que se celebrou este ano dentro da programación da festa do viño). Esas competicións cunha soa pista resultan moi dificiles de organizar polo importante número de inscritos e inscritas e polo tanto teñen que habilitarse outros espazos deportivos existentes para facilitar a súa celebración.
O Pavillón de deportes municipal está preparado para disputar nel varios deportes diferentes, tamén para o tenis, polo que só é necesario mercar unha rede e pintar o campo de xogo. Ao mesmo tempo resolvería a falta de vestiarios e servizos que ten a pista de tenis e podería utilizarse tamén os días de choiva.
Está redactado un proxecto da Deputación Provincial para dotar o campo de fútbol municipal de herba sintética. Ao norte dese campo queda unha franxa de terreo sen ocupar que podería habilitar como unha pista multiusos na que poder practicar tenis, baloncesto, etc…
Por todo o exposto, o Pleno do concello acorda aprobar a seguinte
MOCIÓN:
- Habilitar o pavillón municipal de deportes para a practica tamén do tenis, e que se autorice o uso do mesmo a todos os veciños e veciñas de Barro que o soliciten para a practica do deporte.
- Que se dote a pista de tenis dunha conexión eléctrica segura, e se permita o encendido do alumeado cando sexa necesario. Que se instale tamén no entorno unha fonte de auga potábel que de servizo aos usuarios da pista de tenis e do parque infantil próximo.
- Dirixirse á Deputación Provincial para solicitar a habilitación do espazo que queda sen ocupar ao norte do campo de fútbol como pista multiusos.
Barro, 15 de setembro de 2013.
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes
