A crise eleva a miles as entidades que solicitan subvencións á Deputación

O despacho da deputada Ana Isabel Vázquez é, dun tempo para acó, debido á crise económica, un dos lugares máis visitados do Pazo Provincial. Ela é a encargada de entregar ás entidades culturais, sociais e deportivas sen ánimo de lucro sóbrelos coas resolucións dictadas pola institución provincial nas que se lles conceden as subvencións que necesitan para o desenvolvemento das súas actividades.
«Estamos repartindo as axudas correspondentes ás bases de subvencións para cultura, deporte e acción social e comunitaria convocadas en xaneiro», explica Vázquez. Precisa que a maioría das axudas que está entregando a Deputación nos últimos días corresponden a colectivos cuxa labor está centrada nos servizos especializados, para talleres ou para o fomento do emprego.

Cáritas, Cruz Vermella, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afapo), Down Pontevedra, Alcohólicos Rehabilitados e federación vecinal Boa Vila son algúns dos colectivos que forman parte dunha longa relación de entidades que xa recibiron as axudas económicas da Deputación. «Nas áreas de deportes e de cultura reducimos ligeramente o orzamento e incrementámolo en acción social porque é o momento de involucrarse aínda máis con colectivos que necesitan que lles botemos unha man», destaca Ana Isabel Vázquez.

Neste sentido, precisa que «está aumentando o importe das subvencións e o número de colectivos que as solicitan porque hai moitas asociacións implicadas en axudar a xente que o necesita. Estamos tratando de repartir os fondos dunha forma equitativa para que cheguen ao máximo número de beneficiarios posible».
A deputada de Cultura indica que estas achegas económicas resultan «fundamentais» para as entidades ás que a crise económica dificulta o desenvolvemento do seu labor. A Deputación ingresaralles o importe das axudas nas súas respectivas contas bancarias en canto presenten os documentos que acreditan a realización das actividades para as que reclaman a axuda económica.

«Aínda que nos envorcamos coas asociacións de índole social, non deixamos de lado o deporte nin a cultura. De feito -explica Ana Isabel Vázquez-, estamos entregando axudas para entidades sen ánimo de lucro que solicitaron subvencións para a renovación de vestuario ou para a adquisición de instrumentos musicais».

Recoñece que a moitos dos «miles de colectivos» da provincia que piden a colaboración económica da Deputación resultaríalles «absolutamente imposible» adquirir o material ou organizar actividades si non contasen co apoio da institución provincial.

A deputada finalizará «en breve» a entrega das subvencións ás entidades sociais, culturais e deportivas de Pontevedra. Pronto lles chegará a quenda ás de Barro

ana isabel

Deixar un comentario