O pasado martes, día 13, o pleno do Concello de Barro aprobou a rescisión do
contrato coa empresa que xestiona o mercadiño municipal. Deste xeito, o mercadiño que se instalaba en Barro os domingos pola tarde desde comezos de 2007 deixará de facelo o vindeiro 9 de setembro.
O do mercadiño de Barro é a crónica dunha morte anunciada, e o que nun principio tería que ser unha boa idea converteuse, máis unha vez, nun novo fracaso da xestión do PP no noso Concello.
Compre lembrar neste sentido que no seu momento o alcalde vendeu o acordo como unha gran xestión, a pesar de ser coñecedor dos moitos problemas que os representantes da
empresa tiveron noutros concellos por incumprir as súas obrigas.
Coñecendo os precedentes, en Barro a actuación da empresa non ía ser distinto, e os incumprimentos foron contínuos dende o primeiro momento:
· Nunca pagou as taxas que anualmente tiña que aboar ao Concello, a pesar de que a empresa si lles cobraba aos vendedores do mercadiño.
· Nunca presentou a relación de vendedoras e vendedores nin dos produtos que se vendían, a pesar de que era unha esixencia do contrato.
· Provocou contínuas as molestias á veciñanza desa contorna, chegando a impedir en moitas ocasións a entrada aos seus garaxes, debido ao descontrol á hora da montaxe dos postos, etc.
Estes e outros motivos levaron a que o BNG insistise ano tras ano na necesidade de regular situación, solicitude ao que o goberno municipal do PP fixo sempre ouvidos xordos. É agora, cando as irregularidades do mercadiño lle están traendo problemas legais ao alcalde, cando se decide a rematar co contrato, pero a débeda de 72.000 euros que ten contraída a empresa co Concello non haberá xeito de cobrala.
Que durante máis de 6 anos o alcalde lle permitise a esta empresa que non pagase nada cando está –nas súas palabras- “fritindo” a impostos á veciñanza e empresas de Barro só pode ter dúas explicacións, calquera delas de extrema gravidade:
· Ou o alcalde era cómplice e consentidor durante todos estes anos dos incumprimentos dos xestores do mercadiño.
· Ou os xestores do mercadiño tomaron de pitorreo ao Concello como institución e ao seu alcalde como máximo representante do mesmo.
Fose por un motivo ou polo outro, ou por ambos, está claro que o alcalde ten unha gran responsabilidade no que pasou, xa que sabía perfectamente con quen trataba, ao ser de coñecemento público os problemas que a empresa tivo en outros concellos con anterioridade.
O BNG considera positivo que Barro conte cun mercadiño municipal, e cremos que hai que facer todo o posíbel por recuperalo, pero xestionado de forma seria e responsábel, e cumprindo escrupulosamente a legalidade.
Barro, 16 de agosto de 2013
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes