O universo inmobiliario, non fai tanto motor da economía da comarca, esborrallouse sen remisión en todos os concellos. Se nos municipios de maior tamaño como Pontevedra, Bueu, Marín, Poio ou Sanxenxo a cifra de vivendas visadas resulta anecdótica en comparación cos dourados anos da burbulla, nos máis pequenos o sector quedou feito un páramo.
O informe dos arquitectos arroxa conclusións reveladoras. Talvez a máis rechamante é a que analiza o caso da Lama. A actividade inmobiliaria fuxiu do municipio ao extremo de que tanto no primeiro semestre deste ano, como no do exercicio anterior, non se visou ningunha vivenda. En realidade, a estatística global é aínda máis testemuñal, pois entre xaneiro e xuño dos últimos cinco anos, apenas se autorizaron tres inmobles: un no 2010 e dous no 2011.
Moitas casas, pouco crédito
O caso da Lama, emporiso, non é illado. En Moraña e Campo Lameiro, por exemplo, apenas se visou unha vivenda este ano, por dúas en Barro, Portas e Cuntis ou as tres de Ponte Caldelas. O balance do COAG dá conta do derrubamento dun sector que, por unha banda, aínda non logrou colocar todo o parque inmobiliario impulsado durante os tempos de bonanza e, por outro, das graves dificultades para conseguir crédito que teñen tanto as empresas construtoras como os potenciais compradores de pisos e casas.
En caída libre. Así se podería definir, con palabras grosas, o estado do sector inmobiliario na comarca. A deterioración parece non ter fin e desbordou incluso as previsións máis pesimistas dos propios arquitectos, que no seu penúltimo informe advertían de que esta actividade tocara fondo. Onte divulgaron o último, relativo ao primeiro semestre deste ano, e o panorama que se debuxa resulta desolador tanto en Pontevedra como na súa comarca.
Os datos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) son demoledores. Nos quince concellos da comarca apenas se visaron 115 vivendas entre xaneiro e xuño deste ano, polas 156 do mesmo período do ano anterior ou as 297 do 2009 (ver táboa adxunta). A anos luz, en calquera caso, das cifras que se manexaban nos esplendorosos días da burbulla inmobiliaria.
Do derrubamento apenas se salva ninguén. Talvez Marín, que pasou de visar 8 inmobles o ano pasado a 22 lestes. Na capital, a estatística do COAG describe unha crise galopante. É a segunda cidade galega onde máis descenden as autorizacións, apenas 39, só por detrás das 23 rexistradas en Ferrol. A paralización de urbanizacións como as de Tafisa, a ONCE ou Valdecorvos son exemplos da paralización dun sector que se acha literalmente en punto morto.
O caso Sanxenxo
Idéntico escenario vive Sanxenxo, durante anos punta de lanza do sector a nivel autonómico e hoxe sumido nunha profunda crise. As 13 vivendas visadas no primeiro semestre do ano representan a cifra máis baixa desde que arrincou a crise alá polo 2008 e abunda nas dúbidas expostas polo COAG sobre se o sector tocou xa fondo. E é que entre este dato e os miles de pisos e casas que se autorizaron durante os anos de furor inmobiliario hai un abismo.

