Caldas suspende a reunión da corporación en solidariedade cos afectados

la voz

O Concello de Caldas volveu onte á política de xestos coa Plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas do Umia, un colectivo que agrupa a máis de sesenta aforradores de cinco municipios -Caldas, Cuntis, Moraña, Portas e Barro-. O alcalde, Juan Manuel Rey , previo acordo de todos os portavoces dos grupos políticos con representación municipal (PSOE, PP, Independentes de Caldas e BNG), asinou un decreto polo que se acordaba suspender a celebración do pleno que ía ter lugar onte, ás 20.30 horas. É a segunda sesión que se paraliza tras a do 31 de maio.

O rexedor compareceu cos portavoces e con membros da plataforma. Manuel Fariña, en representación do colectivo, botou en cara ao PP o que considera unha dobre moral, da que puxo como exemplo ao concelleiro Manuel Rajoy. «Boteille en cara que firmen papeis, pero que á hora da verdade non se poñan do noso lado. A estas alturas queremos feitos», subliñou Fariña. A plataforma lamentou que aquel 31 de maio Rajoy fose o único edil da corporación que non se puxo a camiseta fucsia do colectivo.

Tamén se anunciou onte que o vindeiro luns, 1 de xullo, ás 12 horas, terá lugar en Caldas unha reunión á que asistirán o alcalde, un concelleiro de cada grupo, os afectados e responsables de Novagalicia Banco. Ese encontro solicitárono todos os grupos, excepto o PP, e se non había resposta en dez días o Concello comprometíase a cancelar toda relación comercial con NGB, «dada a súa posición de mercado claramente vantaxosa sobre as demais entidades de crédito».

afectados preferentes /

Deixar un comentario