O equipo de ‘ Vaia troula’, encabezado por Nieves Rodríguez, daralles esta noite a benvida desde Tui, onde se
celebra a XV Festa das Lavandeiras. Unha celebración na que a presentadora se mergullará no ambiente e participará nalgúns dos actos do día, como no desfile, na lavada e no campionato de tiro de ra. Ademais da festa, a edición de hoxe contará coa música da orquestra Israel e de A Requinta da Laxeira.
Outras celebracións que lles achegará o programa máis festeiro da Televisión de Galicia serán as que visitaron as reporteiras Paula Señarís, Alicia Lombán e Olaya Rivas, como a Festa do Viño que celebraron os veciños de Barro; e a gran Churrascada da parroquia de Santa María de Cuíña, no concello de Oza-Cesuras. Outra churrascada, pero nesta ocasión dobre, foi a que prepararon as parroquias de Uxes e Larín, no concello de Arteixo, para saber quen fai mellor a carne.
Por outro lado, en Cambados honraron con moita festa a Santo Antonio, ao igual que o fixeron en Paradela, e non foron menos as celebracións do San Xoán, en Gondomar e o Santo Adrián do Mar en Malpica.