Arte multidisciplinar en Barosa

la voz

Barosa Líquida é un proxecto que trata de mesturar diversas actividades creativas nunha contorna inigualable das fervenzas e muíños deste parque do municipio de Barro, onde se poderá gozar da arte, a música, a literatura e a gastronomía, con propostas multidisciplinares nunhas xornadas memorables durante tres fins de semana, desde este domingo 23 de xuño ata o 7 de xullo.

Cultura Tirante, da man do musico Adrián Silva, e Portal 48, espazo creativo dirixido pola artista Ana Seoane e Rocío Gómez, en colaboración co Concello de Barro e a Facultade de Belas Artes promoven esta iniciativa cultural que naceu no 2012 con ánimo de continuidade.

Entre as actividades programadas, a parte dedicada á arte interpretará e activará a contorna de Barosa. Quince estudantes e profesores de Belas Artes levarán a cabo unha serie de proxectos vinculados ao contexto social e natural do parque, con instalacións efémeras e respectuosas coa natureza e a memoria do lugar. A auga estará presente na maioría dos traballos converténdose en pantalla de proxección móbil e sonora, en concreto na instalación audiovisua Retrato líquido, de Lola Dopico e Fernando Suárez.

A música porana o grupo de percusión Perkuka que ofrecerá este domingo un concerto ás 20.30 horas, ao que seguirán as actuacións das Bruxas do noroeste e Rastrexos Project os días 30 de xuño e 7 de xullo.

A literatura estará presente cos escritores Luz Darriba, Carlos Solla, Quico Cadaval e Manuel Lourenzo, que cederán parte das súas obras nunha iniciativa conxunta cos músicos e compositores Benxa Otero e Adrián Silva, na que se crearán caixas de música únicas.

Bolboretas de Papel impartirá obradoiros infantís de manualidades e Barosa Espazo Gastronatural ofrecerá tapas a prezos populares das que poderán gozar os asistentes aos próximos tres domingos de recreación cultural.

barosa liquida 2

barosa liquida

Deixar un comentario