Apoio dos tres grupos da Corporación. O alcalde, José Antonio Landín, quen dende o principio lles preguntou aos preferentistas se «se vai poder celebrar o Pleno», accedeu a ler e debater un texto que acabou converténdose nunha moción consensuada entre os afectados e os tres grupos políticos. En particular o ‘popular’, prometeu prestar o seu apoio en todo o posible, sen considerar que as demandas dos afectados por esta estafa poidan considerarse un asunto partidista ou político.
MOCIÓNS. En canto ao resto da sesión, a ecasez de temas para o debate foi compensada cunha longa lista de mocións da cal varias foron aprobadas por unanimidade. Tamén relacionada coa crise a proposta para adherirse ao convenio da Fegamp que permitirá prestar asesoría xurídica gratuíta ás persoas en risco de desafiuzamento, foi unha das ideas máis relevantes das aprobadas onte. O Concello debe pedir ao Goberno de Caldas de Reis que solicite o servizo á Fegamp, pois se tramita a través da cabeceira de bisbarra. Ademais deuse luz verde ao texto do BNG para evitar o desmantelamento dos xulgados de paz nos pequenos concellos, e apoiouse unha proposta do PP para ofrecer actividades escolares de Educación Vial. Outra moción do PSOE para implantar vaos en San Antoniño e contar cos servizos dunha grúa estudarase formalmente.

