Preto dunha trintena de veciños de Meis reuniuse a mediodía de onte ante a fachada da Casa Consistorial para reivindicar a través dunha cazarolada, promovida polo BNG, a súa oposición á drástica suba dalgunhas taxas municipais, que se incrementou neste exercicio ata nun 50% nalgúns casos.
A voceira municipal do Bloque Nacionalista Galego, Piar Xiráldez, recoñeceu tras a manifestación que non é esperaba reunir tanta xente. «Sabemos como funcionan os municipios pequenos como Meis, así que estamos moi contentos de que se sumase tanta xente. Sei que moitos máis se opoñen e están moi molestos con esta suba de taxas».
Que queda agora despois dunha protesta como esta? «Imos falar co alcalde outra vez para que trate de reformular o asunto. Sabemos que o Concello ten unha débeda importante, pero foi culpa da súa mala xestión. Isto vén de antes da crise», opina a concelleira.
