Centros educativos de Caldas, Moraña, Portas, Cuntis e Barro teñen unha cita co gallo do Día das Letras Galegas.
A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega ‘ Terras do Umia’ está a ultimar os detalles para a celebración da Festa da Lingua, que se celebrará mañá venres no salón de actos do Auditorio de Portas, no recinto da Azucreira, entre as 11.00 e as 13.00 horas da mañá.
A Festa da Lingua é un acto que promoven cada ano dende a citada coordinadora co gallo do Día das Letras Galegas e no que, coa presenza de alumnos de todos os centros educativos que forman a plataforma, se entregan premios aos estudantes e clases que participaron nas actividades propostas pola organización durante todo o curso. ENTREGA DE PREMIOS. Un dos momentos emotivos da xornada festiva será a entrega do premio ‘Lingumia’ a unha entidade da comarca que se destaca polo uso do galego. Os organizadores xa adiantaron que este galardón irá a parar na edición de 2013 para unha personalidade ou entidade do mundo do deporte, pero non quixeron desvelar máis datos para manter a sorpresa.
Ademais, haberá actuacións musicais e os organizadores contarán coa presenza de personalidades do mundo da cultura galega. Este é outro dos elementos que lle dá interese a esta festa, dende o punto de vista dos estudantes asistentes. A Coordinadora adiantou que nesta ocasión asistirá¡ o artista Antonio Axeitos ‘Toñito de Poi’, posto que o escritor Francisco Castro, quen participou na selección dos premios literarios, tiña previsto participar na festa mais tivo que excusar a súa participación por problemas de axenda.
A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega ‘ Terras do Umia’ está formada por centros educativos de ensino primario e secundario dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Portas e Moraña.
Algunhas das actividades, coma o concurso e as exposicións de ‘Microrelatos e Micropoemas’, que son xa recoñecidos por toda a xente destes concellos.
