Caniche non estaba ben. Toxicómano e alcohólico, era un dos indixentes que se acubillan baixo a dársena da estación de
autobuses de Xoán XXIII, en Santiago, e pasaba o día pedindo esmola na contorna da praza de Cervantes. A noite do xoves chegou peor que de costume. «Estaba amarelo, con moi mala cara. Ata tivemos que axudalo a deitarse», explica o que era o seu mellor amigo nese refuxio improvisado en plena rúa. Tan mal o viron os seus compañeiros, que chamaron a unha ambulancia, «pero o médico nin lle tocou, preguntounos que tomara, dixémosllo e todo o que fixo foi dicirnos que o tapásemos ben e deixásemolo durmir», engade. Onte amenceu morto. «Deille uns bicos na cara e estaba frío e tiña sangue coagulada na boca», laméntase. Chamábase Andrés Canet Requena, era natural de Valencia e tiña 42 anos.
O 061 confirmou que recibiu unha chamada ás 22.13 horas. Fixérona os amigos de Caniche. Tamén que se enviou unha ambulancia medicalizada e que chegou rápido, así como que o médico o atendeu e que decidiu non trasladalo ao hospital.
Sentados nun dos bancos de madeira que hai xunto á dársena que acubilla a este grupo de senteito, os amigos de Caniche preguntábanse onte se o médico tomase a mesma decisión se a chamada a fixese alguén cuxa única posesión non fosen uns cartóns e unhas mantas e cuxo día a día non transitase da man da metadona, a heroína, o alcol e os tranquilizantes.