Un control rutineiro de seguridade na N-550 acabou onte coa detención dun individuo por tenencia ilícita de armas e a
identificación de dúas máis. Os axentes deron o alto ao turismo no que viaxaban e tras un cacheo superficial comprobaron que na parte dianteira había un pasamontañas, que ocultaba dentro un gorro negro e unha pistola con tres cartuchos de calibre 6,35 milímetros. No interior do coche tamén atoparon outro pasamontañas caseiro, propiedade da outra presenta identificada. A arma será agora sometida ás probas de balística. No interior do Alfa Romeo atoparon obxectos que poderían ser utilizados na execución de feitos delituosos. No rexistro apareceron luvas, unha mochila grande tipo maleta, un desaparafusador, un alicate curta arames, unha rebarbadora e un amperímetro.
Cinco roubos diarios en vivendas
A crise puxo en xaque a seguridade. A vivenda, que ata agora era unha fronteira case inquebrantable para o ladrón, está no punto de mira. No primeiro trimestre do ano os roubos con forza en domicilios incrementáronse un 27,8 % ata situarse nos 428. A media deixa un resultado arrepiante na provincia. O balance de criminalidade do Ministerio de Interior recolle unha media de cinco roubos diarios deste tipo, mentres no mesmo período do pasado ano non se chegaba a catro.
O rural sofre máis esta secuela dos roubos en domicilios, pero ademais destas zonas, as vivendas da área urbana tamén son obxecto de desexo para o ladrón. O mes pasado aproveitando as vacacións de Semana Santa entraron en tres pisos do Paseo de Colón para pertrechar senllos roubos. É só un exemplo dunha lista interminable.
Gasolineiras, estancos, farmacias, restaurantes ou tendas de informática, entre outros, convertéronse en protagonistas negros desta crise. O balance de criminalidade tamén recolle un incremento do 21,5 % nos roubos con forza e do 14, 4 % os que son con violencia e intimidación. Estes delitos alcanzan os 1.319 e 135, respectivamente. Sen ir máis lonxe, a pasada semana unha veciña de Moraña sufriu un asalto na súa vivenda despois de que uns homes que se fixeron pasar por policías chamasen á súa porta. No momento de abrirlles, entraron na vivenda e levaron numerosos obxectos. A provincia sofre unha media de 15 roubos con forza ao día. Barro é un dos máis afectados da comarca, ao rexistrar en días pasados catro roubos e asaltos en restaurantes da zona en 48 horas. Nun deles dispararon a unha das propietarias dunha bocatería á saída do local.
Os únicos datos que rompen a tendencia alcista na provincia de Pontevedra son os delitos por tráfico de drogas, que caen un 50 %, desde os 59 a 29, e os de danos, que reflicten unha lixeira caída do 3,6 %, ata situarse nos 1.031 delitos por danos.
