Paulo Fontán leva dende o ano 2007 na presidencia da Asociación Amizade, que loita dende hai 25 anos pola integración das persoas con discapacidade. Aínda que é positivo respecto aos logros conseguidos ata o momento na asociación e en xeral na cidade
AÍNDA QUE nacido en Barro, Paulo Fontán coñece ben Pontevedra, cidade na que vive e na que lle gusta, cando as súas ocupacións llo permiten, pasear polo casco vello. Puntual na cita tras unha reunión no Concello, atopámonos nunha soleada Praza de Mugartegui que invita á tranquilidade. «Aquí podes ir tranquilo, o resto das prazas son máis frecuentadas porque cadran máis de paso e están cheas de terrazas».
Non obstante, recoñece que dende que a Asociación Amizade, á que se adica agora a tempo completo, se trasladou a Monte Porreiro non visita a zona tan a miúdo. As novas instalacións da asociación abriron en 2007, coincidindo coa súa chegada ó cargo de presidente, pero en realidade Fontán leva xa moito tempo vinculado á entidade, que loita pola plena integración social das persoas con discapacidade en todos os ámbitos.
Coa chegada do local e da actividade fixa e constante tiveron a posibilidade de contratar persoas que o coordinan e xestionan todo. «Dende o punto de vista da asociación non temos cargos remunerados, senón que o meu traballo é coordinar o centro de día». Pero non sempre foi así, xa que «dos primeros contactos ben debe facer 15 anos», recorda. Cando comezou a colaborar e participar como socio fíxoo compatibilizándoo con outras actividades.
Estudou primeiro un ciclo de informática que non chegou a convencelo, para despois diplomarse en Xestión e Administración Pública. Despois traballou un par de anos na empresa do seu pai, en recursos humanos, pero chegado o momento decidiuse polo seu traballo actual, do que parece sentirse orgulloso. E razóns non lle faltan, porque a agrupación cumple xa un cuarto de século.
«Hai 25 anos había unhas necesidades, digamos imperiosas, que agora non o son tanto. Antes se nunha familia había un discapacitado escondíano na casa, e xa nin se pensaba en que estudara ou traballara. Agora esforzámonos máis ben polo ocio, polo turismo, pola cultura, polo deporte». En canto a isto último, el mesmo comezou hai pouco, tras probar cun amigo, a practicar tiro olímpico e conta que un bo exemplo do que queda por conseguir é que, aínda que o medalleiro olímpico español non é nada en comparación co paralímpico, este aínda non se promociona o suficiente.
A súa forma de falar é moi clara, con exemplos moi lóxicos. O raro é que as cousas non sexan como el di que deberían ser. «Se unha persoa con discapacidade quere ir, eu que sei, a Marina D´Or, pois igual non pode. Igual alí dinlle que si e ó chegar atópase con que non pode entrar nalgúns lugares, ou que non pode facer as excursións opcionais porque non están preparadas para as persoas con mobilidade reducida». E en impedir ese tipo de situacións é no que se centra o seu labor.
Ademais de traballar en Monte Porreiro, Fontán decidiu hai uns meses instalarse no barrio coa súa moza. E iso que están as cousas difíciles para independizarse.
Pero para el o reto, tanto a nivel persoal como dentro do ámbito da asociación, segue a ser a sensibilización da sociedade coas discapacidades, de todo tipo. «Queremos concienciar de que somos xente normal».
E Pontevedra está concienciada? Recorda entón o episodio dun amigo seu, ó que hai uns anos se lle negou a entrada a un pub coa desculpa de que estaba moi cheo mentres outras persoas seguían accedendo ó local. Houbo denuncia e sanción ó negocio, pero non parece ser algo habitual. «Non é que unha persoa en cadeira de rodas, por exemplo, se vexa discriminada de forma directa. Pero nós temos a discriminación silenciosa de que nos poñen un chanzo e xa está».
Pese a todo, a visión de Fontán dista moito de ser negativa. Conta que tivo o accidente que o deixou parapléxico ós 17 anos, e que os anos seguintes tivo que pasar revisións en Barcelona. «Ó principio cando marchaba e volvía aquí notaba moito a diferenza. Pero xa as últimas veces pensaba: pois xa podía Barcelona aprender de Pontevedra. Porque alí teñen moitas rampas, pero aquí están ben feitas».
Os erros en materia de mobilidade urbana veñen de varias frontes. En primeiro lugar da propia lexislación, que Fontán non dubida en criticar. «A lei galega non é esixente, e a estatal, que é posterior, pon uns prazos moi laxos: creo que non é ata 2021 cando se contempla que todos os espazos teñen que estar adaptados.
Nótase ademais o esforzo por conseguir o apoio da clase política, porque a lei obriga a eliminar barreiras, pero «se algo está mal construido e dende un concello se lle da a licenza igual…». E dos técnicos municipais, que deberían coñecer como se fai unha rampa «pero non é moi habitual», bromea.
Por este motivo o seu pensamento é que hai que estar sempre pendentes, sempre alerta, aínda que haxa que visitar persoalmente as obras. A nivel urbano está contento, aínda que se ten que criticar algún erro faino. Porque chegar a esta situación «traballo nos levou e non podemos distraernos».
Aínda que non todo é traballar. Unha asociación pola integración dos discapacitados non cumpre 25 anos tódolos días, e dalgún xeito había que celebralo. O día 20 fixeton un acto no Pazo da Cultura, e para despois do verán proxectan facer unha exposición que recolla o seu percorrido, ademais das actividades de ocio que normalmente levan a cabo e que contan cunha gran demanda.
Unhas actividades que están un pouco en suspenso, sempre pendentes da concesión de subvencións ou outro tipo de financiamento.

