Do emprego por conta allea ao autoemprego mediante a creación de pequenas
e medianas empresas. Cos datos da Enquisa de Poboación Activa aínda atragantados, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o director xeral da Fundación Instituto Cameral para a Creación e o Desenvolvemento da Empresa (INCYDE), Javier ColladoCortés , subscribiron esta mañá un convenio que pretende precisamente iso: incrementar o espírito emprendedor.
Ambas as institucións porán en marcha no polígono industrial de Barro-Meis, dependente da Deputación, un viveiro de empresas que pretende estimular e asesorar a creación de proxectos emprendedores e facelos viables.
O INCYDE, unha fundación que aglutina ás 87 cámaras de comercio de España, achega o financiamento e posta en marcha de programas específicos de asesoramento, mentres que a Deputación de Pontevedra acometerá o financiamento das instalacións. Trátase en total dun investimento de dous millóns de euros que permitirá, cando estea a pleno rendemento, albergar uns trinta proxectos empresariais. Trátase dun plan de estímulo económico que é posible grazas aos fondos europeos que captou a Deputación, e que supoñen un 80 % do total.
